28 de Marzo de 2016

Xuntanza co presidente do Parlamento de Galicia

O presidente do Parlamento de Galicia traslada a Cegasal o seu apoio polo seu labor en favor da economía social

ambos presidentes, José Antonio Vázquez Freire y Miguel Santalices

Miguel Santalices interesouse polas actividades que organiza a asociación sen ánimo de lucro que dirixe José Antonio Vázquez e comprometeu a súa asistencia ao xantar de traballo que se celebrará o próximo 13 de abril en Santiago e ao que foron convidados máis dun centenar de empresarios da comarca. O encontro celebrarase posteriormente en Vigo.

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices Vieira, recibiu ao presidente do Cegasal, José Antonio Vázquez, para manifestarlle o seu total apoio e respaldo ao labor que vén realizando a asociación en favor da economía social. Santalices Vieira mostrou unha gran sensibilidade co colectivo de traballadores con discapacidade e comprometeu a súa presenza no xantar de traballo que Cegasal organiza en Santiago, e no que está confirmada a asistencia do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde.
Como xa se fixo o pasado ano na Coruña, a Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro (Cegasal) celebra o próximo 13 de abril un xantar-coloquio na capital de Galicia para presentar aos empresarios da comarca a oferta de servizos que  ofrecen as 17 empresas que compoñen a asociación. O evento, en cuxa organización colabora tamén a Cámara de Comercio de Santiago, repetirase en datas posteriores na cidade de Vigo.

Cegasal é a asociación empresarial galega de carácter multisectorial de iniciativa social que integra iniciativas empresariais que comparten os principios orientadores da economía social. Os centros especiais de emprego de iniciativa social apostan por facilitar a inserción laboral das persoas con discapacidade. Xeradora de oportunidades de emprego, formación e desenvolvemento de servizos para as persoas con discapacidade, cabe destacar que a porcentaxe de inactividade presente nestas  persoas en idade laboral alcanza limiares do 70%. Unha situación que se quere cambiar a través do traballo realizado por Cegasal.

Forman parte de Cegasal un total de 17 sociedades repartidas por toda Galicia, que representan máis de 14 sectores produtivos tales como: artes gráficas, alimentación, atención socio-sanitaria, transporte, selección e recollida de residuos, restauración, artesanía, consultoría, comercialización de embalaxes e produtos para a industria, a automoción, servizos de xardinaría e limpeza viaria, así como o sector agrícola e gandeiro ou actividades téxtiles, entre outras. Máis de de 900 traballadores están representados na asociación que dirixe José Antonio Vázquez.

Cegasal é unha asociación pioneira en España en contar cun rexistro de centros especiais de emprego sen ánimo de lucro  e en estar presente nos comités executivos das confederacións de empresarios. De feito, en Galicia forma parte dos órganos de Goberno da Confederación Provincial de Empresarios da Coruña e da Confederación de Empresarios de Galicia, unha mostra do apoio e respaldo do tecido empresarial galego a esta iniciativa de Economía Social.

 

Categorías

Deixa unha resposta