07 de Febreiro de 2017

A DELEGACIÓN DA XUNTA EN PONTEVEDRA TRASLADA A CEGASAL APOIO AO SEU LABOR EN FAVOR DA INSERCIÓN LABORAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE NA PROVINCIA

 

  • O Xefe Territorial de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial Santomé, recibiu onte ao presidente da Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen ánimo de lucro – CEGASAL, José Antonio Vázquez
  • A entidade integra a 17 iniciativas empresariais que dan traballo a preto de 1.250 persoas, a maioría persoas con discapacidade

O Xefe Territorial de Economía, Emprego e Industria en Pontevedra, Ignacio Rial Santomé, recibiu onte ao presidente da Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro – Cegasal, José Antonio Vázquez Freire, dentro da xira de contactos institucionais e empresariais que está a facer a asociación para dar a coñecer o seu traballo para facilitar a inserción laboral das persoas con discapacidade en máis de 14 sectores produtivos, de artes gráficas, alimentación, recollida de residuos, xardinería ou atención sociosanitaria, entre outros.

Ignacio Rial destacou que o labor que desenvolve Cegasal é esencial para o acceso ao emprego das persoas con discapacidade e o mantemento dos postos de traballo, “vías de vital importancia para a inserción social”.

O xefe territorial afirmou que “o compromiso do Executivo autonómico coas persoas con discapacidade é total e absoluto”, e lembrou o apoio da administración autonómica a Cegasal, con axudas destinadas a gastos de funcionamento, contratación de axentes de emprego e unidades de apoio, así como outras dirixidas a todos os centros que conforman a entidade.

Cegasal é a asociación empresarial galega de carácter multisectorial, de iniciativa social, que integra iniciativas empresariais que comparten os principios orientadores da economía social. A entidade integra a 17 iniciativas empresariais que dan traballo a máis de 1.250 traballadores, a maior parte persoas con discapacidade.

Os centros especiais de emprego de Cegasal, que en 2015 facturaron no seu conxunto 25 millóns de euros, apostan por facilitar a inserción laboral das persoas con discapacidade. A Asociación, e os seus membros, xeran oportunidades de emprego, formación e desenvolvemento de servizos para as persoas con discapacidade, cuxa taxa de actividade laboral é menor comparada co resto da sociedade. Nesta liña, cabe destacar que a porcentaxe de inactividade presente nas persoas con discapacidade en idade laboral alcanza limiares do 70%. Unha situación que se quere cambiar a través do traballo realizado por Cegasal.

No encontro, Rial apelou á responsabilidade social das empresas no que toca a apostar pola contratación de traballadores e traballadoras con discapacidade, co propósito de que se lles ofreza a posibilidade de demostrar as súas capacidades. Neste sentido, Cegasal é unha asociación multisectorial que está formada por un grupo de centros especiais de emprego sen ánimo de lucro e entidades promovidas por persoas con discapacidade, que integrados na organización, son referentes para a defensa, promoción e representación das entidades que proporcionan emprego protexido.

Categorías

Deixa unha resposta