10 de Marzo de 2017

A delegada da Xunta en Ourense apoia o labor de Cegasal e ofrece a súa colaboración para traballar pola inserción laboral das persoas con discapacidade

José Antonio Vázquez Freire, Presidente de Cegasal, e María Sol Díaz Mouteira, Delegada Territorial da Xunta en Ourense

José Antonio Vázquez Freire, Presidente de Cegasal, e María Sol Díaz Mouteira, Delegada Territorial da Xunta en Ourense

O presidente da patronal galega de economía social, José Antonio Vázquez Freire, mantivo un encontro coa delegada da Xunta en Ourense.

 Cegasal integra a 18 iniciativas empresariais, tres delas en Ourense, que dan traballo a preto de 1.250persoas.

 En Ourense, os centros especiais de emprego de Cegasal dan traballo a un total de 137 persoas con discapacidade.


Ourense, 9 de marzo de 2017. O presidente de Cegasal (Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro), José Antonio Vázquez Freire, mantivo unha reunión en Ourense coa delegada territorial da Xunta nesta provincia, Marisol Díaz Mouteira. O encontro enmarcouse dentro da xira de contactos institucionais e empresariais que está a facer a asociación para dar a coñecer o seu labor que ten como obxectivo facilitar a inserción laboral das persoas con discapacidade. Na actualidade Cegasal conta con 18 centros especiais de emprego que abarcan máis de 14 sectores produtivos como artes gráficas, alimentación, recollida de residuos, xardinería ou atención sociosanitaria, entre outros. Tres destes centros, Integratex, Ilunión e Aixiña, atópanse situados na provincia de Ourense e empregan a un total de 137 traballadores con discapacidade.

A delegada territorial da Xunta mostrou o seu respaldo ao traballo que leva a cabo a organización sen ánimo de lucro que preside Vázquez Freire e comprometeuse a colaborar para crear as condicións necesarias que impulsen o acceso ao mercado laboral das persoas con discapacidade.

Cegasal é a asociación empresarial galega de carácter multisectorial de iniciativa social que integra iniciativas empresariais que comparten os principios orientadores da economía social. A entidade integra na actualidade un total de 18 iniciativas empresariais que dan traballo a máis de 1.250 traballadores, na súa maioría con algunha discapacidade.

Os centros especiais de emprego de Cegasal, que en 2015 facturaron no seu conxunto 25 millóns de euros, apostan por facilitar a inserción laboral das persoas con discapacidade. Xeradora de oportunidades de emprego, formación e desenvolvemento de servizos para as persoas con discapacidade, cuxa taxa de actividade laboral é sensiblemente menor comparada co resto da sociedade. Nesta liña, cabe destacar que a porcentaxe de inactividade presente nas persoas con discapacidade en idade laboral alcanza limiares do 70%. Unha situación que Cegasal quere reverter coa posta en marcha deste tipo de iniciativas empresariais.

Convenio coa Deputación de Ourense

Recentemente, a Asociación de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro asinou un convenio de colaboración coa Deputación de Ourense no que se establece un marco de colaboración para a posta en marcha de diversas medidas relacionadas coa promoción do emprego protexido en Ourense, a través dos centros especiais de emprego de iniciativa social.

O acordo contempla varias iniciativas destinadas a favorecer a inserción ao mundo laboral das persoas con discapacidade da provincia, con especial énfase no grupo que presente maiores dificultades de inserción nas que concorren varios factores de exclusión social.

Así mesmo, desde a Deputación potenciarase o coñecemento dos servizos e actividades que realizan os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro asociados a Cegasal, a fin de contribuír ao papel que desenvolven na xeración de emprego das persoas con discapacidade, e dalos a coñecer como alternativa laboral é outro dos puntos do convenio, que ten carácter indefinido.

As medidas postas en marcha por este acordo serán supervisadas por unha comisión de seguimento, composta por dous representantes de Cegasal e dous da Deputación de Ourense, que se reunirán con carácter semestral.

Categorías

Os comentarios están pechados.