15 de Setembro de 2017

A XUNTA DE GALICIA ACORDA DESTINAR AOS CENTROS ESPECIAIS DE EMPREGO 13 MILLÓNS DE EUROS, QUE BENEFICIARÁN A 2.500 TRABALLADORES CON DISCAPACIDADE E PERMITIRÁN A CREACIÓN DE 90 POSTOS INDEFINIDOS

  • A orde de axudas, con apoios máximos de ata 23.139 euros, inclúe novidades tras ter en conta as principais demandas do sector
  • O Goberno galego incentivará por primeira vez cunha maior contía os centros sen ánimo de lucro, así como a creación de emprego feminino, no rural ou entre as familias con todos os seus membros no paro
  • Refórzanse os apoios ás persoas con especiais dificultades de inserción sociolaboral, aquelas con discapacidades físicosensoriais superiores ao 65% ou con discapacidades psíquicas de máis do 33%
  • A medida forma parte da Axenda 20 coa que a Xunta impulsa o emprego inclusivo e está destinando este ano un 15% máis que en 2016 aos programas específicos de emprego para as persoas con discapacidade

 

A Xunta investirá 13 millóns de euros na integración laboral das persoas con discapacidade nos 107 centros especiais de emprego (CEE) de Galicia. Con esta orde de axudas, da que se informa hoxe no Consello da Xunta, beneficiaranse 2500 traballadores e estimase a creación de 90 postos laborais indefinidos. Esta iniciativa, que forma parte da Axenda 20, enmárcase no orzamento global que a Xunta está destinando este ano aos programas específicos para o emprego das persoas con discapacidade, que aumentan un 15% con respecto a 2016 e chegan aos 14,6 millóns.

A convocatoria, que sairá publicada proximamente no Diario Oficial de Galicia (DOG), inclúe novidades tras ter en conta as principais demandas do sector. O orzamento programado para esta nova edición 2017-2018 aumenta con respecto á última convocatoria en 3,5 millóns de euros. As axudas, que poden superar os 23.000 euros, distribúense en tres tipos de programas: axudas ás unidades de apoio, que ten por obxecto financiar os custos salariais e da Seguridade Social derivados da contratación indefinida de traballadores para apoiar o labor das persoas con discapacidade; axudas á creación, ampliación, mantemento e adaptación de postos de traballo nos centros especiais de emprego; e apoios ao mantemento do custo salarial nos CEE.

__________

 

REFERENCIA DO CONSELLO DA XUNTA DE GALICIA QUE TIVO LUGAR EN SAN CAETANO O 14 DE SETEMBRO DE 2017, BAIXO A PRESIDENCIA DO SR. D. ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO

 

ACORDO

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA

Acordo polo que se autoriza a Consellería de Economía, Emprego e Industria a adquirir compromisos de gastos de carácter plurianual ao abeiro do artigo 58.1b) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e de conformidade co previsto nos artigos 62, 63 e 67 do regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; a eximir de garantías nos supostos de pagamentos anticipados e á conta; a incrementar as porcentaxes máximas dos anticipos de pagamento e o importe conxunto de pagamentos á conta e anticipados, destinados ás axudas que poderán ser concedidas ao abeiro da Orde pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2017-2018, por un importe total de trece millóns sesenta mil catrocentos sesenta e nove euros (13.060.469 €).

 

14-09-2017 REFERENCIA CONSELLO XUNTA DE GALICIA

Fonte: http://www.xunta.gal/c/document_library/get_file?folderId=1052427&name=DLFE-29701.pdf

Categorías

Os comentarios están pechados.