06 de Xullo de 2015

A Xunta implementará por primeira vez a reserva con carácter obrigatorio de entre un 3 e un 5% dos contratos públicos a centros especiais de emprego

A xunta directiva de Cegasal trasladou á conselleira de Traballo unha serie de propostas para facilitar e dar viabilidade á obrigación da reserva de contratos públicos a centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral.

En Galicia hai actualmente 170.000 persoas en idade laboral e con algunha discapacidade que se atopan en paro.

reunion 3 xullo ConselleriaA Conselleira de Traballo, Beatriz Mato, asegurou na reunión mantida con Cegasal que a Xunta implementará por primeira vez a reserva con carácter obrigatorio por Lei de entre un 3 e un 5% de contratos públicos aos centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral. Esta cota de contratación será para aquelas obras e servizos susceptibles de ser realizables por un centro especial de emprego ou empresa de inserción laboral, tal e como o marca o artigo 26 da Lei de Racionalización do sector público autonómico.

declaraciones 3 xulloA reserva será para a contratación, entre outros, de obras e servizos de conservación e mantemento de bens inmobles; servizos de conserxería, mensaxería e correspondencia; servizos de xardinaría e forestal; artes gráficas; labores de limpeza e lavandaría; restauración; e fabricación de roupa de traballo.

Beatriz Mato destacou que esta medida favorecerá o mantemento e mesmo a ampliación dos preto de 2.000 postos de traballo de persoas con discapacidade e de persoas que pertencen a colectivos en risco de exclusión social que traballan nos máis de 120 centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral de Galicia.

declaracions jose antonio 3 xulloMato acordou con Cegasal facer un seguimento ás empresas para velar “que cumpren a lexislación en canto ao seu tamaño e o número de contratacións de persoas que teñen máis dificultades para conseguir un emprego”  e comprometeuse a  “tentar impulsar”  este compromiso de empregabilidade a través das administracións locais, quen por lei, poden realizar unha reserva voluntaria de contratacións para os centros especiais de emprego. Por iso, asegurou que desde a Consellería de Traballo e Benestar “intentará” enviar un informe xurídico para que as administracións locais “teñan a tranquilidade” de poder reservar contratacións públicas.

Propostas que Cegasal trasladou á Conselleira

Durante a reunión, o presidente de Cegasal, José Antonio Vázquez, trasladoulle á titular de Traballo catro propostas para facilitar e dar viabilidade á obrigación de reserva de contratos públicos a centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral:

– Xeneralizar a inclusión de cláusulas sociais nos contratos públicos como a inclusión de criterios sociais ao deseñar as especificacións técnicas e administrativas dos contratos.

-Establecer e facer un seguimento e control, nas prohibicións de contratación e percibo de subvencións públicas ás empresas que non cumpran a normativa de inclusión laboral de persoas con discapacidade.

-Potenciar as licitacións reservadas para centros especiais de emprego de iniciativa social. Neste sentido, desde Cegasal proponse que a reserva se efectúe a favor de centros especiais de emprego de iniciativa social e pertencentes á Economía Social. Considerando como tales aqueles que cumpren os requisitos previstos no Artigo 10 do Decreto 200/2005, de 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, a súa organización e funcionamento.

-Adoptar medidas que favorezan a inclusión laboral de persoas con discapacidade mediante o Concerto Social, a través da promoción da participación de asociacións e fundacións na prestación de servizos sociais do sector público, mediante a figura do Concerto Social, valorando a contratación para a prestación dos mesmos, de persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.
reunion 3 xullo Conselleria2Tras o encontro mantido con Beatriz Mato, o presidente de Cegasal, en declaracións aos medios, destacou a sensibilidade da conselleira e lembrou que actualmente hai 170.000 persoas en Galicia con discapacidade e en idade laboral que se atopan en paro. Por iso demandou toda a axuda e colaboración para facilitarlles emprego, non subvencións, “xa que o seu desenvolvemento na sociedade pasa polo traballo”.

José Antonio Vázquez destacou tamén o feito de que Cegasal é unha asociación pioneira en España en contar cun rexistro de centros especiais de emprego sen ánimo de lucro e en estar presente nos comités executivos das confederacións de empresarios.

Categorías

Deixa unha resposta