14 de Marzo de 2018

As cinco entidades máis representativas da economía social crean o Foro Galego

 

DSCF9440

 

  • O acto de inauguración xuntou en Santiago de Compostela a máis de 150 persoas e contou coa participación do Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, quen falou dun “acto e un día históricos”.

 

  • As cinco organizacións que conforman o Foro pola Economía Social Galega facturan no seu conxunto 1.616,5 millóns de euros e empregan, de xeito directo, a 9.276 persoas.

 

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2018. Dar visibilidade á economía social cara a sociedade e os principais axentes económicos, representando os seus intereses perante as diferentes institucións políticas, económicas e sociais, e  xerando as condicións adecuadas para o desenvolvemento das súas entidades a través da intercooperación e o acceso aos procesos de contratación públicos, son os principais obxectivos do Foro pola Economía Social Galega. Esta asociación, presentada hoxe en Santiago, foi constituida pola Unión de Cooperativas de Galicia (EspazoCoop), a Asociación de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), a Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego (Cegasal), a Agrupación de Sociedades Laborais de Galicia (Aesgal) e a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (Aeiga), entidades que representan a 371 organizacións, cun volumen de ingresos de 1.616,5 millóns de euros anuais e 9.276 empregos directos.

No manifesto fundacional, cuxa sinatura se levou a cabo no acto de hoxe,  demándanse datos oficiais sobre a economía social en Galicia, que a saquen “da invisibilidade actual” e que lle dean a presenza acorde ó seu peso económico nos centros onde se toman decisións sobre o desenvolvemento económico, social e de emprego.

Para acadar estes obxectivos, as cinco organizacións que constitúen o Foro solicitan que as administracións públicas “aproveiten a oportunidade que posibilita a nova Lei de Contratos do Sector Público, no que respecta, de forma específica, á incorporación de cláusulas sociais e mercados reservados para centros especiais de emprego e empresas de inserción”.

 

Día histórico para Galicia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, foi o encargado de inaugurar o acto, que cualificou de “histórico”, e gabou os valores que promove este modelo na procura da creación de emprego de calidade, “a través do fomento da igualdade de oportunidades, a inclusión, o desenvolvemento local ou o compromiso social e medio ambiental”.

 

Conde salientou que “cando se traballa con valores contribúese de xeito diferente á economía e á sociedade, “porque este sector pon en primeiro plano ás persoas e demostra que unha forma de facer empresa distinta é posible”. E destacou que no modelo produtivo que Galicia está consolidando, o traballo da man coa economía social é necesario para ser máis competitivos.

 

Pola súa parte, Celso Gándara, voceiro do Foro pola Economía Social Galega explicou que o Foro “non xurde da necesidade, senón do desexo de ser recoñecidos como un interlocutor máis na escea político e social de Galicia para poder influir nas políticas que nos afectan, e para comunicar á sociedade en xeral e as empresas en particular que o acto de mercar pode ter o mesmo poder que o acto de votar”.

 

DSCF9367

Empresas fronteira

 

Celso Gándara sinalou que “somos organizacións que desenvolvemos proxectos socio-empresariais, e desenvolver ambas cousas convértenos en empresas fronteira”. Isto, continuou, significa que  “realizamos a nosa actividade na fronteira entre o desenvolvemento da parte empresarial, nun mercado cada vez mais global e competitivo,  e  a dimensión social, baseada nos nosos principios onde a primacía das persoas e do fin social sobre o capital sírvennos de identidade e orientación”.

 

Esta simbiose socio-empresarial, dixo o voceiro, “articúlase a través dos nosos modelos de xestión e das nosas estratexias corporativas e de negocio, desta tensión entre principios e mercado xurde a nosa identidade e o sentido das nosas organizacións”.

 

Celso Gándara falou tamén da importancia da economía social galega no seu conxunto que, segundo datos oficiais, no exercicio 2014 facturou 2.800 millóns de euros e empregou, en datos do exercicio 2017, a 13.000 persoas: “Non só xeramos riqueza, senón que a distribuimos equitativamente”.  Asimesmo suliñou a creación, por parte da economía social,  dun “emprego de calidade, con especial preocupación polas persoas con discapacidade e as persoas en risco de exclusión social”.

 

Gándara  rematou o seu discurso demandando “a pertenza ó Consello Económico e Social de Galicia para ter na nosa comunidade as mesmas posibilidades que o sector da economía social ten acadado na maioría das comunidades autónomas e no Consejo Económico y Social de España”

 

No acto interviu logo o presidente da Confederación Empresarial Española de Economía Social,  Juan Antonio Pedreño, que definiu a presentación coma “o impulso definitivo para a economía social galega”. Pedreño defendeu “outra forma de facer empresa, que sexa un modelo de calidad”.

 

Economía centrada nas persoas

 

A responsable de Políticas Sociais do Concello de Santiago, Concepción Fernández,  clausurou o acto cunha intervención na que destacou que “o noso desafío é o desenvolvemento dunha economía social centrada nas persoas”. A concelleira compostelá  insistiu en que “o crecemento sostible só será posible con modelos económicos e empresariais centrados nas comunidades”.

 

Más de 150 persoas, entre autoridades, representantes empresarias, sindicais, de entidades financeiras e das universidades galegas, participaron na presentación do nacente Foto pola Economía Social de Galicia.

DSCF9423

Categorías
,

Os comentarios están pechados.