Saúdo do presidente

Presidente de CegasalBenvidas e benvidos,

Agrádame presentar este novo espazo dixital, que ten a finalidade de permitir que todos os e as visitantes se acheguen á realidade e razón de ser dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro de Galicia.

Estas iniciativas empresariais integradas na Economía Social nacen e desenvolven a súa actividade para ofrecer oportunidades de emprego a persoas con discapacidade, mellorando as súas capacidades e habilidades profesionais e potenciando o seu tránsito ao mercado ordinario de traballo, ben sexa mediante a súa contratación en empresas ordinarias, a través de fórmulas de autoemprego ou de cara ao acceso a un emprego público.

Quen non coñece o ámbito dos centros especiais de emprego de iniciativa social (CEEIS), pode imaxinar que son simples pequenas empresas e talleres que se moven máis no ámbito ocupacional e non empresarial; pero se nun principio era así, as esixencias do mercado obrigáronnos a profesionalizar a xestión comercial, a implantación de sistemas de calidade, a aplicación de sistemas de protección laboral específicas, para competir co resto de empresas do sector mantendo a nosa visión, misión e axustándonos ás necesidades do grupo social de persoas con discapacidade, que é moi diversa ao igual que a súa situación xeográfica.

Non é unha tarefa sinxela, máis se non nos adaptabamos ás novas esixencias, nunca alcanzariamos a ter as preto de 800 persoas traballadoras con discapacidade actuais e a súa calidade no traballo non sería tan elevada.

Os CEEIS, ocupan un lugar natural dentro da economía de mercado, situándose nun espazo propio, marcadamente social que pode e debe ser complemento da empresa ordinaria.

A renovación deste portal é unha ferramenta máis a disposición dos centros especiais de emprego asociados, das empresas ordinarias e das persoas con discapacidade, no cal acceder a unha serie de información e recursos sobre os produtos e servizos que ofertan, o modo de acceder a un emprego a aquelas persoas que teñen máis dificultades para encontralo, accións formativas e os diversos medios de colaboración con todos e cada un dos axentes sociais e económicos da sociedade.

Espero e desexo que vos resulte útil e poidamos mellorar a inserción laboral e social de persoas con discapacidade na nosa comunidade.

Un saúdo.