27 de Marzo de 2019

Cegasal advirte da “alarmante” taxa de paro das persoas con discapacidade en idade laboral

 O presidente da Asociación Galega de Centros Especiais de  Empelo sen Ánimo de Lucro, José Antonio Vázquez Freire,  protagonizou unha conferencia sobre economía social no Círculo de Empresarios de Galicia.

• Os obxectivos de  Cegasal para este 2019 pasan por conseguir que se cumpra a nova Lei de Contratación Pública para centros especiais de emprego, e reverter as cifras de paro entre as mulleres con discapacidade que viven no rural, que alcanza xa o 43’8%.

•  Cegasal  conta con 26 centros especiais de emprego repartidos por toda a xeografía galega, e forma e dá traballo a un total de 1.235  persoas con discapacidade de toda Galicia.

4 P1320182Vigo, 26 de marzo de 2019. “É o momento de actuar, de potenciar os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro porque só ofrecendo unha alternativa laboral ás persoas con discapacidade avanzaremos cara á plena inclusión”. Desta forma comezou a súa intervención no foro “Da audacia nace a excelencia” do Círculo de Empresarios de Galicia o presidente de  Cegasal (Asociación Empresarial  Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro), José Antonio Vázquez Freire. Na súa exposición, Vázquez Freire advertiu aos numerosas asistentes, empresarios na súa maioría, das alarmantes cifras de paro entre as persoas con discapacidade en idade laboral e subliñou a necesidade de poñer en marcha políticas de emprego que contemplen a diversidade, “non como un

inconveniente senón como un activo xerador de valor social, pero tamén económico”. Neste sentido, dixo, “entendemos que parte da discriminación deriva de estereotipos e descoñecemento da realidade, así que lles convido a coñecer algún dos nosos 26 centros de emprego, cuxo modelo foi seguido por outras asociacións españolas”.
A dura realidade en cifras
Vázquez Freire destacou que a taxa de paro en Galicia é do 15’4%, “pero cando falamos de persoas con discapacidade esta cifra aumenta ata  o 29’2%”. Unha dinámica, sinalou, que se repite cando nos referimos á taxa de actividade, que ascende a un 76’9% entre os galegos, “aínda que se estes traballadores presentan algunha discapacidade é do 28’2%”. Máis preocupante, subliñou, é o dato referido a mulleres con discapacidade que viven no rural: “No seu caso, a taxa de paro chega ao 43’8% e, o que é máis alarmante, só o 2’1% ten estudos superiores”.
Para reverter esta tendencia, o presidente de  Cegasal pediu aos empresarios que aposten por un novo modelo de negocio, que contemple ás persoas como o activo máis importante. Con respecto ás administracións, tamén representadas no acto, pediu que cumpran con márcao a Lei de Contratación Pública, que entrou en vigor en marzo de 2018: “Desde a Xunta de Galicia están a darse importantes pasos pero os concellos e organismos provinciais, salvo excepcións, cústalles poñerse ao día nesta tarefa”.
Tras expoñer os problemas que ten unha persoa con discapacidade á hora de enfrontarse ao mercado laboral, “créanme se lles digo que sei do que falo porque aínda que non sexa evidente, teño unha discapacidade orgánica”, José Antonio Vázquez explicou algunhas das accións que levou a cabo nestes anos a asociación que preside, que forma e emprega a 1.235 traballadores, unha cifra que aumenta en distintas épocas do ano por razóns de traballo.

Así, o presidente de  Cegasal destacou que o 80% dos contratos que realizan son indefinidos e que o ano pasado os 26 centros especiais de emprego que conforman a asociación facturaron no seu conxunto 35 millóns de euros, nos máis de 14 sectores produtivos no que teñen presenza.
O protagonista do foro organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia destacou así mesmo que  Cegasal é unha asociación sen ánimo de lucro: “Isto significa que todos os seus beneficios, que os ten, reverten nas empresas, a través da compra de material ou na creación de novos postos de traballo”.
Por último, anunciou que as metas da Asociación a curto prazo son a muller rural con discapacidade, conservar e buscar novas alianzas coa administración, e poñer en marcha medidas destinadas ás persoas con grandes discapacidades. Para iso pediu a axuda de todos os presentes “porque isto é algo que nos  concierne a todos como sociedad”

27032019_001 27032019_002 27032019_003 27032019_004

Categorías
,

Os comentarios están pechados.