02 de Setembro de 2020

CEGASAL convoca a cuarta edición dos seus premios xornalísticos

Os galardóns á Mellor Información Xornalística, dotados con 1.500 euros cada un, recaerán nas reportaxes, artigos e/ou pezas que, a xuízo dos membros do xurado, consigan transmitir de forma máis realista a actividade dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro que forman parte da asociación. 

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2020. Cegasal (Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro) convoca a cuarta edición dos seus Premios á Mellor Información sobre Economía Social, sempre centrada nos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro que conforman a asociación. Este ano incorporouse un novo galardón para recompensar a traxectoria dun ou unha profesional.

O obxectivo destes premios, un para xornais, dixitais e revistas, e outro para radio e televisión -dotados con 1.500 euros cada un-, é o de dar maior visibilidade aos e ás traballadoras con discapacidade e o labor que realizan neste sentido os 32 centros especiais de emprego sen ánimo de lucro que forman parte a día de hoxe de Cegasal.

O papel dos medios de comunicación neste labor de divulgación é fundamental e moi necesario, dado que o 74% das persoas con discapacidade en idade laboral non ten traballo. De aí a importancia da colaboración dos xornalistas para dar a coñecer esta realidade á sociedade.

Desde os centros especiais de emprego apostan porque a discapacidade, ou as “capacidades diferentes”, non sexan un impedimento para o pleno desenvolvemento destas persoas tamén no ámbito laboral.

As bases do Premio Cegasal á mellor información sobre economía social, certame no que colabora desde a súa primeira edición o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, poden consultarse nas webs do Colexio Profesional de Xornalistas (xornalistas.gal) e da Asociación (www.cegasal.com).

Poden optar aos premios os traballos publicados e/ou emitidos desde o peche da anterior edición, en abril de 2019, até o día 12 de setembro de 2020, que é cando remata o prazo de recepción dos traballos.

Os traballos deberán enviarse, vía correo electrónico, ao seguinte enderezo: cegasalcomunicacion@gmail.com, e a información presentada deberá ir acompañada dun breve currículo do autor.

BASES 4ª edición Premios Gegasal de Xornalismo

  A Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Wmprego sen Ánimo de Lucro, ( CEGASAL), en colaboración co  Colexio Profesional de  Xornalistas de Galicia, ( CPXG), convocan a cuarta edición do premio  CEGASAL de xornalismo, cun triplo obxectivo: dar visibilidade ás persoas con discapacidade, mostrar as dificultades que atopan para optar ao mercado laboral e dar a coñecer o traballo que realizan neste terreo os centros especiais de emprego de iniciativa social integrados na asociación.

Entregaranse dous premios de 1.500 euros cada un deles. Un para os traballos publicados en prensa escrita ou publicacións dixitais e/ou premio á traxectoria profesional, e outro para os traballos difundidos en radio ou televisión.

  Bases:

  1ª) Pode participar neste concurso calquera profesional que publique ou difunda información sobre os centros especiais de emprego de  Cegasal ou sobre o propio labor da Asociación de Centros  Especiais de  Emprego  sen Ánimo de Lucro, en prensa escrita, radio, televisión ou publicacións dixitais.

Cada xornalista concursante pode enviar un ou máis traballos.

2ª) Os interesados deberán enviar copia dos traballos, (informacións  escaneadas, arquivos de audio ou audiovisuais ou arquivos de publicacións dixitais), á dirección de correo electrónico de  CEGASAL, (cegasalcomunicación@gmail.com), antes do  día 12 de setembro de 2020. 

  Tamén poderán enviarse os traballos concursantes por correo certificado, respectando os prazos anteriormente  fixados,  á sede do  Colexio Profesional de  Xornalistas de Galicia, (Rúa Ponferrada 9  Baixo, 15707 Santiago de Compostela)

  Cada concursante debe acompañar o seu traballo ou traballos dun breve currículo, así como dos datos necesarios para contactar: nome e apelidos, domicilio, número de teléfono e dirección de correo electrónico.

  Cada participante garante a autoría do traballo ou traballos  presentados, eximindo a  CEGASAL e ao  CPXG de calquera reclamación respecto diso. O xurado podería solicitar certificación da emisión ou publicación dos traballos gañadores.

3ª) Os traballos concursantes serán cualificados por un xurado composto por tres membros de  CEGASAL e o  CPXG.

4ª) O xurado concederá dous premios. O primeiro dos premios, dotado con 1.500 euros, será para traballos difundidos en prensa escrita (xornais ou revistas) ou en publicacións dixitais.

O segundo dos premios, tamén dotado con 1.500 euros, será para traballos emitidos en radio ou televisión.

A entidade organizadora, se así o considera, podería dar un premio especial para recoñecer o labor dun ou unha xornalista no ámbito da economía social, concretamente no que se refire aos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro.

  Os gañadores ou gañadoras serán dados a coñecer nas webs de  CEGASAL e do  CPXG antes do 15 de setembro de 2020.

  As decisións do xurado serán inapelables, podendo declarar deserto o premio se os traballos presentados non tivesen a calidade necesaria.

  Os premios están suxeitos ás retencións fiscais contempladas na  lexislación vixente.

5ª) Os gañadores do concurso autorizan expresamente que o seu nome e apelidos sexan publicados nas webs das entidades organizadoras, así como nos seus medios de comunicación físicos ou dixitais, coa finalidade de promocionar os premios e referenciar os traballos gañadores.

6ª) A participación neste concurso supón a plena aceptación do contido destas bases.

Categorías
, ,

Os comentarios están pechados.