29 de Xuño de 2018

Cegasal crea a Rede Inclúe para fomentar a economía social no empresariado galego

• A Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro presentou hoxe esta nova iniciativa na súa gala anual, na que se premiou á Dirección  Xeral de  Xuventude, o  Concello de Rianxo e  Froiz “polo seu apoio á economía de iniciativa social”.

• Informativos Fin de Semana da TVG e O Progreso de Lugo foron os dous medios de comunicación galardoados no evento, que congregou a máis de 200 persoas en Santiago de Compostela.

• O presidente do Parlamento de Galicia, os conselleiros de Economía,  Emprego e Industria, e Mar, a presidenta do CES e o vicepresidente da patronal española de economía social tamén participaron na gala.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2018. A presentación oficial da   Rede  Cegasal  Inclúe protagonizou hoxe a gala organizada pola Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro ( Cegasal), na que se entregaron os seus premios anuais a medios de comunicación, organismos oficiais e empresas que durante o último ano destacaron polo seu apoio á economía de iniciativa social.
A  Rede  Cegasal  Inclúe, que xa conta co apoio de  Abanca,  Pfizer, Grupo Oca,  Carrefour,  Darlim, Edición Rusa,  Esqueiro e Construcións San José, xorde pola necesidade de achar un punto de encontro e colaboración entre as persoas con capacidades diferentes e as empresas e entidades, ben como  empleadores, compradores ou provedores de produtos e servizos.

Neste sentido, a  Rede  Cegasal  Inclúe fará fincapé en dar a coñecer boas prácticas e fomentar unha nova cultura empresarial inclusiva que entende a diversidade como un activo xerador de valor social e económico. O primeiro paso para logralo é dar visibilidade a empresas e entidades referentes en Galicia, responsables e comprometidas coa igualdade de oportunidades, que co seu bo facer están a contribuír ao cambio social e á integración laboral das persoas con discapacidade.  Por último, a  Rede tamén apostará polo asesoramento a empresarios no desenvolvemento de prácticas inclusivas, coa finalidade de ir sensibilizando  e promovendo unha sociedade máis xusta.

Poden formar parte da  Rede  Cegasal  Inclúe todas aquelas organizacións de calquera sector e dimensión que operen en Galicia, que inclúan entre as súas metas ser socialmente responsables e comprometidas co colectivo de persoas con discapacidade na súa xestión, e que estean interesadas en compartir un espazo de encontro, O obxectivo é que se visibilice o seu bo facer e xerar sinerxias e proxectos de impacto que permitan avanzar cara a unha cultura empresarial inclusiva. En definitiva, organizacións que queiran contribuír a converter a Galicia nunha comunidade de referencia en canto a prácticas inclusivas.

E nesta idea de “economía social, comprometida” profundou o presidente de  Cegasal na súa intervención na gala. José Antonio Vázquez Freire dirixiuse aos representantes das administracións autonómicas, locais, provinciais, ao tecido empresarial de Galicia e aos medios de comunicación para pedir o seu apoio:  “Entre todos debemos ser capaces de abrir novos espazos cara á igualdade de oportunidades, a fin de superar  os prexuízos que houbo no pasado cara ás persoas con discapacidade”.

Así mesmo, sinalou que “chegou o momento de poñer no centro a esa parte da sociedade que ten maiores dificultades no seu día a día
como son a persoas con diversidade funcional. Debemos ser capaces de transmitir valores e ética, e o que é máis importante, atopar

solucións para os retos aos que se enfrontan estas persoas que, créanme cando lles digo que non son poucos”. O presidente de  Cegasal lembrou neste punto que a nova lei de contratos do Estado  supón un antes e un despois para as persoas con discapacidade en idade laboral, xa que eleva a un 10% a obrigatoriedade de reservar emprego para estes profesionais.

Pola súa banda, María Cid, directora de Fundación Solidariedade  Carrefour, que actuou de portavoz das empresas que forman parte da  Rede, subliñou que “nunha sociedade madura e comprometida como a nosa, as empresas temos que estar á altura das circunstancias por unha cuestión de de corresponsabilidade, ou mesmo diría máis, de intelixencia empresarial”. Cid insistiu así mesmo na necesidade de apostar polo talento “porque afortunadamente este non entende de xénero, nin de clases sociais nin, por suposto, de discapacidade, só de achega de valor”.

Os Premios  Cegasal

Informativos Fin de Semana da TVG e O Progreso de Lugo levaron nesta gala os premios xornalísticos pola súa profesionalidade á hora de transmitir á sociedade os retos aos que se enfrontan diariamente os traballadores con discapacidade.  Jéssica Pintor e Rubén  Milego (TVG), e Sabela  Corbelle (O Progreso) recibiron os seus galardóns de mans do Conselleiro de Economía,  Emprego e Industria, Francisco Conde, e do presidente de  Cegasal, José Antonio Vázquez.

Pola súa banda, a Dirección  xeral de  Xuventude da Consellería de Política Social, o  Concello de Rianxo e  Froiz foron galardoados pola súa colaboración coa economía de iniciativa social, que apoian a través da reserva de carga de traballo aos centros especiais de emprego. O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; a Conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o presidente de  Cegasal foron os encargados de premiar a súa contribución á promoción do emprego das persoas con discapacidade.

Máis de 200 persoas asistiron á Gala  Cegasal, celebrada no Hotel Porta do Camiño, entre as que se atopaban, ademais das autoridades xa mencionadas, a presidenta do Consello Económico e Social, Corina Porro; o vicepresidente da Confederación Empresarial Española de Economía Social, o galego  José Montes; o portavoz do Foro  pola Economía Social de Galicia, Celso Gándara; o presidente da Confederación de Empresarios da Coruña, Antonio Fontenla; e a portavoz do Partido Popular no Parlamento Galego, entre outros.

Foto de familia de premiados, autoridades y miembros de la Rede DSC_0294 DSC_0265 DSC_0251 DSC_0242 DSC_0237 DSC_0217 DSC_0225 DSC_0196 DSC_0153 DSC_0137

Categorías

Los comentarios están cerrados.