11 de Maio de 2017

Cegasal creará unha marca de calidade para os seus produtos e servizos

autoridades

 

 

 

 

 

 

  • A Asemblea Xeral Ordinaria de Cegasal, que por primeira vez na súa historia celebrouse en Vigo, contou na súa clausura coa participación do director xeral de Promoción de Emprego, José Alfonso Marnotes; o delegado da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves; e o concelleiro de Emprego do Concello de Vigo e deputado provincial, Santos Héctor Rodríguez.
  • As empresas que conforman a Asociación facturaron en 2016 no seu conxunto máis de 25 millóns de euros, cifra similar á obtida en 2015, e empregan a máis de 1.250 persoas.

Asamblea_web

 

 

 

 

 

 

Vigo, 9 de maio de 2017. A Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro (Cegasal) creará este ano unha marca de calidade para identificar os seus produtos e servizos co obxectivo de obter maior recoñecemento e diferenciación no mercado por parte de consumidores e clientes. Prevese tamén facer partícipes da marca aos empresarios que colaboren cos centros especiais a través das súas compras ou contratacións, dando relevancia así de fronte ao público a súa implicación coa economía social. O estudo para implantar este distintivo xa se iniciou e espérase poder presentar a marca este mesmo ano, o que supoñería un paso adiante no traballo realizado por Cegasal para poñer en valor o traballo das persoas con discapacidade.

Así o anunciou o presidente de Cegasal, José Antonio Vázquez, na Asemblea Xeral Ordinaria que, por primeira vez nos vinte anos de historia da asociación, celebrouse en Vigo.

 

Así mesmo, entre os diferentes datos económicos achegados na Asemblea, un especialmente positivo foi o da facturación do conxunto das empresas que conforman Cegasal, que en 2016 volveu superar os 25 millóns de euros, tal e como sucedeu en 2015, así como o número de traballadores que superou a cifra de 1.250.

Na súa intervención, o presidente de Cegasal, José Antonio Vázquez, tamén se referiu ao labor realizado desde a patronal de economía social para impulsar os obxectivos fixados pola asociación na súa constitución “e que seguen plenamente en vigor”. Entre eles:

 

  • Informar e asesorar de forma integral ás persoas, entidades, centros especiais de emprego asociados e outros axentes que contactan con Cegasal.
  • Fomentar a contratación das persoas con discapacidade, tanto no mercado protexido como na empresa ordinaria.
  • Contribuír á proxección e posta en valor do sector da economía social na opinión pública, tanto a nivel social como empresarial ou institucional.
  • Visibilizar e potenciar cadeas de valor responsable cos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro.
  • Promover a responsabilidade social empresarial.
  • Promover a implementación da Estratexia Galega de Discapacidade 2015-2020: Apoiar e colaborar na consecución dos obxectivos e retos previstos, como axente colaborador da mesma.

Acto Clausura Asamblea Cegasal 2017

 

 

 

 

Na clausura da Asemblea interveu o concelleiro de Emprego de Vigo e deputado provincial, Santos Héctor Rodríguez, quen sinalou o compromiso do Concello coas persoas con discapacidade, destacando que a oferta de emprego público que sae da Administración local “sempre recolle a reserva do 2% que marca a lei e en moitas ocasións estamos por encima desa porcentaxe”. Tamén lembrou que o Concello ofrece as axudas directas para a contratación de persoas con discapacidade, “fiel reflexo do noso compromiso coa economía social”.

Pola súa banda, o director xeral de Emprego da Xunta de Galicia, Alfonso Marnotes González, felicitou ao presidente de Cegasal polos 20 anos de percorrido da asociación e destacou que a consellería de Economía comparte coa patronal de Economía Social a convicción de que “o instrumento máis poderoso e eficaz para a inclusión social é o emprego”.

Marnotes González fixo fincapé  na importancia dos centros especiais de emprego, “non só polo número de traballadores senón tamén pola riqueza que xeran”, e volveu insistir en “o apoio decidido da Xunta de Galicia ás persoas con capacidades diferentes”. O director xeral terminou a súa intervención sinalando que “unha sociedade do século XXI ten que ser unha sociedade inclusiva”.

 

Cegasal, a patronal da economía social sen ánimo de lucro

Cegasal naceu en 1997 pola necesidade dun grupo de entidades do terceiro sector do movemento asociativo das persoas con discapacidade de dar resposta ás demandas de emprego colectivo. Por iso puxeron en marcha un conxunto de iniciativas empresariais sen ánimo de lucro para dar efectividade á previsión da fórmula de emprego protexido para persoas con discapacidade. Isto logrouse a través da creación de centros especiais de emprego, sen ánimo de lucro e de iniciativa social. O obxectivo era e é defender os intereses comúns destes centros, tanto desde a vertente social pola que foron creados, como desde a empresarial que comparte co resto de empresas do sector produtivo ao que pertencen.

Os centros especiais de emprego de iniciativa social apostan por facilitar a inserción laboral das persoas con discapacidade xerando oportunidades de emprego, formación e desenvolvemento de servizos para estes traballadores, cuxa taxa de actividade laboral é menor comparada co resto da sociedade. Nesta liña, cabe destacar que a porcentaxe de inactividade deste grupo de poboación alcanza limiares do 70%. Unha situación que se quere cambiar a través do traballo realizado por Cegasal.

Desde o ano 2008, Cegasal, que conta xa con 18 centros especiais repartidos por toda a xeografía galega, incrementou a súa interlocución con axentes empresariais, sociais e institucionais e actualmente está presente nos órganos de dirección da Confederación de Empresarios de Galicia, e desde 2013 na directiva e comité executivo da Confederación de Empresarios da Coruña.

Categorías
,

Os comentarios están pechados.