02 de Marzo de 2017

Cegasal e Deputación de Ourense colaboran para facilitar o acceso ao mundo laboral das persoas con discapacidade

Firma Convenio de Colaboración

José Manuel Baltar, Presidente da Deputación de Ourense, e José Antonio Vázquez Freire, Presidente de Cegasal, na firma do Convenio de Colaboración entre ambas institucións

 

  • Os presidentes de ambas as institucións asinaron esta mañá un convenio para fomentar o emprego protexido e a incorporación ao mercado laboral das persoas con discapacidade.

 

  • Créase así mesmo unha comisión de seguimento composta por dous representantes da Asociación e dous da Deputación de Ourense, co obxectivo de optimizar e valorar os resultados do acordo de colaboración.

 

  • Cegasal conta con 17 centros especiais de emprego repartidos por toda a xeografía galega, tres deles en Ourense, e dá traballo a máis de 1.250 persoas con algunha discapacidade.

 

Ourense, 1 de marzo de 2017. Cegasal (Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro) e a Deputación de Ourense asinaron esta mañá un convenio no que se establece un marco de colaboración para a posta en marcha de diversas medidas relacionadas coa promoción do emprego protexido a través dos centros especiais de emprego de iniciativa social.

Neste sentido, ambas as partes estableceron unha serie de obxectivos e prioridades, entre os que se atopan os seguintes:

 

  • Facilitar o emprego das persoas con discapacidade e apoialas no seu acceso e mantemento do devandito emprego.
  • Impulsar a promoción de actividades socioeconómicas a través da fórmula de emprego protexido sen ánimo de lucro, que melloren a situación laboral das persoas con discapacidade.
  • Impulsar unha contratación pública responsable, baixo a premisa do crecemento intelixente, sustentable e inclusivo, conforme ás previsións da Estratexia Europea 2020, a Convención Internacional dos Dereitos das persoas con discapacidade, e o resto de normativa de aplicación.
  • Impulsar e axilizar a previsión normativa da reserva de contratos públicos para centros especiais de emprego na provincia, que permita fortalecer aos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro como ferramentas esenciais das políticas activas de emprego para as persoas con discapacidade.
  • Promover no ámbito provincial a selección e permanencia do persoal ao servizo da Administración provincial no marco da igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade, garantindo as adaptacións e axustes razoables que precisen no posto de traballo.
  • Favorecer a colaboración no ámbito da formación e mellorar o nivel educativo e capacitación profesional das persoas con discapacidade.
  • Impulsar a participación das persoas con discapacidade en todos os procesos de toma de decisión que lles afecten con relación ao emprego, así como das entidades promotoras e representativas dos seus dereitos.
  • Facilitar información e impulsar o estudo e coñecemento da situación das persoas con discapacidade en relación co mercado laboral na provincia, así como as súas capacidades e necesidades en materia de formación e emprendemento.
  • Favorecer a inserción ao mundo laboral das persoas con discapacidade da provincia, con especial énfase no grupo que presente maiores dificultades de inserción nas que concorren varios factores de exclusión social.

 

Potenciar o coñecemento dos servizos e actividades que realizan os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro asociados a Cegasal, a fin de contribuír ao papel que desenvolven na xeración de emprego das persoas con discapacidade, e dalos a coñecer como alternativa laboral é outro dos puntos do convenio asinado hoxe, que ten carácter indefinido.

Por outra banda, e co obxectivo de optimizar e valorar os resultados do acordo, acordouse constituír unha comisión de seguimento, composta por dous representantes de Cegasal e dous da Deputación de Ourense, que se reunirán con carácter semestral, e sempre que así se considere por parte de ambas as entidades, segundo a evolución e desenvolvemento das actuacións derivadas do convenio.

 

A Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego

Cegasal é a asociación empresarial galega de carácter multisectorial de iniciativa social, que integra iniciativas empresariais que comparten os principios orientadores da economía social. Os centros especiais de emprego de iniciativa social apostan por facilitar a inserción laboral das persoas con discapacidade. Desta forma, a asociación, que en 2015 facturou 25 millóns de euros, funciona como xeradora de emprego, formación e desenvolvemento de servizos para as persoas con discapacidade.

Cegasal conta na actualidade con 17 centros especiais de emprego repartidos por toda a xeografía galega, tres deles en Ourense, nos que emprega a máis de 1.25ou traballadores.

Categorías
,

Deixa unha resposta