16 de Xullo de 2019

Cegasal mostra en Vigo as capacidades dun grupo de traballadores de varios centros especiais de emprego sen ánimo de lucro

 

 

 

 

 

• As imaxes, obra do fotógrafo coruñés Diego Silva, permanecerán expostas no Círculo de Empresarios de Galicia, en Vigo,  ata o próximo día 25 de xullo.

• O presidente de  Cegasal e a presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia estiveron acompañados na inauguración da mostra polo concelleiro Abel Losada; o presidente do Foro  pola Economía Social  Galega, Celso Gándara,  e varios representantes de  CaixaBank, entidade que patrocinou o evento.

Vigo, 15 de xullo de 2019.  Un total de 24 imaxes concibidas como reportaxe documental conforman a exposición que hoxe inaugurou  Cegasal (Asociación de Centros   Especiais de  Emprego     sen Ánimo de Lucro) no Círculo de Empresarios de Galicia, en Vigo. A mostra é froito do traballo do fotógrafo coruñés Diego Silva, quen ao longo de dous anos e medio percorreu un total de once dos 26 centros especiais de emprego que forman parte de  Cegasal para captar co seu cámara a actividade diaria dos traballadores con discapacidade.
Tras o seu paso pola Deputación de Lugo e o Parlamento de Galicia, a exposición inaugurouse este mediodía no vestíbulo do Círculo de Empresarios de Galicia, onde permanecerá instalada, xunto a varios paneis explicativos ata o próximo 25 de xullo. O acto inaugural, conducido polo presidente de  Cegasal, José Antonio Vázquez, e o fotógrafo Diego Silva, contou coa presenza da presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, Patricia García; o concelleiro de Emprego e Cultura de Vigo, Abel Losada; o presidente do Foro  pola Economía Social  Galega, Celso Gándara, os representantes de  CaixaBank María Jesús García Piñeiro, Patricia  Romaní e Gonzalo  Talegón, e o  expresidente do Círculo Juan  Güell, entre outros.

A exposición, que conta co apoio de  Caixabank, é unha iniciativa máis dentro da filosofía de  Cegasal de fomentar o traballo de calidade para as persoas con discapacidade e/ou en situación de risco de exclusión social.
Neste sentido, Vázquez Freire, que explicou a historia persoal que se esconde detrás de cada unha das fotos que compoñen a mostra,  destacou que as traballadoras e traballadores que a protagonizan “son un exemplo claro de que é posible promover unha cultura empresarial inclusiva, que entenda a diversidade como un activo xerador de valor social e económico”.
A exposición fotográfica seguirá percorrendo Galicia para achegar á sociedade galega o día a día dos traballadores dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro. Trátase de persoas que non tiveron nada fácil o acceso ao mercado laboral xa que a taxa de paro dos profesionais con algunha discapacidade supera o 70%, unha porcentaxe que se incrementa se falamos de mulleres que viven no rural.

Categorías
,

Os comentarios están pechados.