09 de Xullo de 2019

Cegasal pide a empresarios e administración unha fronte común a favor da economía social

• A Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro celebrou esta tarde a súa gala anual, na que premiou ao Concello de Arzúa, a Axencia de Turismo de Galicia e DIA.

• Os xornalistas Abeta Chas (Diario Expansión) e Xavier Martiñá (TVE) tamén foron galardoados no evento que congregou a máis de 200 persoas en Teo.

• O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, recibiu a homenaxe da asociación polo seu labor a favor da economía social.

 Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2019. O presidente de Cegasal, José Antonio Vázquez Freire, pediu esta tarde a empresarios e administracións unha fronte común a favor da economía social, “porque todos debemos traballar para alcanzar unha sociedade máis xusta e igualitaria”. Vázquez Freire sinalou que “as persoas con discapacidade estamos moi lonxe de alcanzar a plena igualdade, avanzamos, pero non ao ritmo que deberiamos, e arrastramos connosco moitos anos de estereotipos e prexuízos”. Neste sentido, destacou a necesidade de seguir traballando: “E é que 22 anos despois da súa constitución, Cegasal ten aínda un longo camiño por diante”. Tamén se referiu na súa intervención ao papel dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro como xeradores de emprego, á vez que reclamou medidas destinadas a apoiar á muller con discapacidade que vive no rural, “porque son as que se enfrontan a máis problemas á hora de formarse ou de incorporarse ao mercado laboral”. Tras o seu discurso comezou a gala de entrega de premios que este ano tivo como protagonistas ao Concello de Arzúa, a Axencia de Turismo de Galicia e DIA, institucións e empresa que destacaron ao longo dos últimos anos polo seu apoio decidido aos centros especiais de emprego, a través da contratación de servizos ou coa compra de produtos procedentes da economía social. Tamén foron galardoados na velada os xornalistas Abeta Chas (Diario Expansión) e Xavier Martiñá (TVE), por senllas informacións sobre os traballadores con capacidades diversas.

Novo socios para a Rede Cegasal Inclúe

A gala foi así mesmo o escenario elixido para a presentación dos novos membros da Rede Cegasal Inclúe, a iniciativa impulsada en 2018 por Cegasal tras detectar a necesidade de achar un punto de encontro e colaboración entre as persoas con discapacidade e as empresas e entidades, pasa agora de oito a 18 membros. Aos socios fundadores do proxecto Abanca, Pfizer, Grupo Oca, Carrefour, Darlim, Edición Rusa, Esqueiro e Construcións San José, uníronse outras dez empresas: Acciona, Sabadell Gallego. Computer-3, Orona Galicia, Civis Global, Gran Hotel Os Abetos, Gasóleos Valo, Izcom, Construtora Vázquez e Reino e Arias Infraestruturas. Un importante apoio para que a Rede Cegasal Inclúe continúe co seu labor de dar a coñecer boas prácticas empresariais e fomentar unha nova cultura inclusiva que entende a diversidade como un activo xerador de valor social e económico. Tras a intervención de Javir Martínez, que actuou este ano como portavoz da Rede, chegou a sorpresa da noite coa homenaxe da Asociación ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde. O alto cargo @de la Xunta ignoraba que se convertería nun dos protagonistas da gala e recibiu emocionado o galardón polo que se recoñecía o seu traballo a favor da economía social, “un labor que permitiu que Galicia sexa pioneira en moitos aspectos”, en palabras do presidente de Cegasal.

Empresarios, colaboradores e dirixentes sindicais

Máis de 200 persoas asistiron á gala celebrada este ano no Pazo de Adrán, no Concello de Teo. Entre os invitados, os presidentes das patronais de empresarios de Pontevedra e Ourense, os secretarios xerais de CCOO e UXT Galicia, a secretaria xeral de Emprego, o director do Igape e o portavoz do Foro pola Economía Social Galega, entre outros moitos.

Categorías
,

Os comentarios están pechados.