28 de Maio de 2015

Cegasal presenta a Bravo Bosch o traballo realizado para facilitar e impulsar a inserción laboral das persoas con discapacidade

José Antonio Vázquez expón as liñas de traballo de Cegasal

José Antonio Vázquez explicoulle as liñas de traballo da organización

Vigo, 27 de maio.-

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Mª José Boch recibiu esta mañá ao presidente de Cegasal, José Antonio Vázquez Freire no marco da rolda de contactos institucionais e empresariais que dende a organización realizamos a través do programa de promoción de centros especiais de emprego, que conta co apoio da Xunta de Galicia.

O motivo da reunión foi presentarlle á representante da Administración autonómica na cidade olívica, o traballo que Cegasal está a realizar na Comunidade Autónoma para facilitar e impulsar a inserción laboral das persoas con discapacidade.

José Antonio Vázquez explicou con detalle o traballo que se desenvolve para facilitar a inserción laboral das persoas con discapacidade a través do traballo que se realiza nos centros especiais de emprego de iniciativa social (CEEIS). O presidente agradeceu a “acollida e sensibilidade” da delegada ao proxecto de Cegasal que, coma cualificou, é un proxecto “de realidade” onde queren que “Vigo estea presente” porque ten un “tecido empresarial moi importante”. De feito, emprazou á delegada e a toda a cidadanía a un vindeiro encontro que realizarán na cidade no mes de xuño.

A delegada da Xunta agradeceu e loubou o “especial traballo” que entidades coma Cegasal realizan a prol da inserción laboral das persoas con diversidade funcional apelando así á responsabilidade social das empresas xa que, segundo considerou, o acceso a un posto de traballo é “a mellor vía de inserción social”. “Cegasal é un referente da inclusión a través do emprego”, sinalou Bravo Bosch.

José Antonio Vázquez recordou a normativa actual obriga a empresas públicas e privadas que teñen no seu cadro de persoal 50 ou máis traballadores a reservar unha cota do 2% a favor de persoas con discapacidade. Neste senso, Cegasal se ofrece coma alternativa a estas empresas xa que esta reserva se pode substituír en determinados supostos pola contratación de servizos e produtos aos centros especiais de emprego, o que permitirá xerar emprego dentro do mercado de traballo protexido.

Hoxe en día Cegasal integra a un conxunto de 17 iniciativas empresariais que dan traballo a preto de 800 persoas con discapacidade das cales, de media, o 95% presenta algún tipo de discapacidade. Delas, máis de 200 son mulleres.

As empresas asociadas a Cegasal desenrolan a súa actividade en máis de 14 sectores produtivos, de artes gráficas, alimentación, atención socio-sanitaria, transporte, selección e recollida de residuos, restauración, artesanía, outsourcing, consultoría, comercialización de embalaxes e produtos para a industria, a automoción, servizos de xardinería, limpeza viaria e viveirismo, así como no sector agrícola e gandeiro ou actividades textís, entre outras.

No período 2009-2014, a Consellería de Traballo e Benestar colaborou con Cegasal a través de distintas liñas de axudas e de formación. Destacouse o esforzo por mellorar a profesionalización nos centros especiais de emprego asociados a través da execución de  9 accións formativas nas que se formaron un total de 162 persoas durante máis de 450 horas en especialidades tan diversas coma Xestión do Tempo, Técnicas de Negociación, de Comunicación, Condución Eficiente de Vehículos, Animación Social ou, nestes momentos, Dirección Motivadora.

Categorías

Deixa unha resposta