Cegasal presenta a segunda edición do premio periódistico con importantes novidades
- O galardón dividirase en dúas categorías: unha para os traballos de prensa escrita e diarios dixitais, e outra destinada a informacións de radio e televisión.
- O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia colabora de novo neste certame, e os gañadores e gañadoras daranse a coñecer na primeira quincena de maio.
Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2017. Cegasal convoca a segunda edición dos seus premios á mellor información xornalística sobre economía social, aumentando o importe do galardón e dividindo o premio en dúas categorías: unha dedicada ao mellor traballo en prensa escrita ou diarios dixitais, e unha segunda para informacións de radio e televisión. Estes dous galardóns, dotados con 1.500 euros cada un, manteñen o obxectivo inicial de dar visibilidade ás persoas con discapacidade de Galicia e mostrar as dificultades coas que se atopan á hora de optar ao mercado laboral, así como dar a coñecer o traballo que realizan neste sentido os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro que conforman Cegasal.
José Antonio Vázquez Freire, presidente da Asociación, lembrou que o 74% das persoas con discapacidade en idade laboral non ten traballo, “e hai moitos que nin o buscan porque consideran que non teñen opcións de atopalo”. Destacou neste sentido o papel dos medios de comunicación, “cuxa labor nos dá unha maior visibilidade e normalización, que é, en definitiva, o que buscan estas persoas, máis aló de calquera tipo de paternalismo”.
Para o presidente de Cegasal, máis que falar de discapacidade, do que habería que falar é de “capacidades diferentes” e destacou o traballo dos centros especiais de emprego para axudar á plena integración destas persoas na sociedade.
Por segundo ano, o galardón conta coa colaboración do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, cuxo vicedecano, Xosé Manuel Pereiro, estivo na presentación desta segunda edición.
O prazo de recepción dos traballos péchase o próximo 30 de marzo e os gañadores serán anunciados na primeira quincena de maio.
O xurado estará composto por profesionais con experiencia contrastada nos medios de comunicación galegos, así como representantes de Cegasal e do propio Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
Os traballos deberán enviarse, vía mail, á seguinte dirección de correo: cegasalcomunicacion@gmail.com, ou por correo ordinario ao Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (Rúa Ponferrada, 9, baixo. 15707 Santiago de Compostela). A información presentada deberá ir acompañada dun breve currículo do autor da mesma.
Categorías
Novas
Os comentarios están pechados.