19 de Setembro de 2016

Cegasal recibe o respaldo do Conselleiro de Economía no acto de inauguración da Asemblea

Francisco Conde apoia o traballo que realizan os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro asociados polo nivel de emprego que xeran na comunidade.

inauguracion-asambleaSantiago de Compostela, 19 de setembro de 2016.

Por primeira vez na súa historia, a Asemblea Xeral Ordinaria de Cegasal contou coa participación dun membro do Executivo galego. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, participou no acto inaugural da reunión e destacou o gran labor que leva a cabo a asociación que preside José Antonio Vázquez en favor da integración laboral das persoas con discapacidade, “ou con capacidades diferentes”.

Francisco Conde destacou  neste sentido o papel realizado por Cegasal e subliñou a vontade do seu departamento  para que “Galicia sexa cada vez máis integradora, máis equitativa e máis xusta”. Conde dirixiuse aos representantes dos centros especiais de emprego para dicirlles que “tedes un traballo moi difícil por diante”, á vez que lles lembrou que o seu labor  “é imprescindible”.

Nesta liña, remarcou os tres obxectivos ou retos imprescindibles para o desenvolvemento da economía social: Formación, “porque cada vez os ciclos de innovación son máis curtos e iso require adaptar  os perfís profesionais ás actuais demandas do mercado; Traballo, “unha parte dos centros especiais de emprego estades a demostrar  que sabedes facer as cousas e é necesario seguir incrementando o número deste tipo de centros en Galicia”; e, por último, referiuse á  necesidade, por parte da Administración e de organizacións como Cegasal, de “incentivar  e conseguir que as empresas ‘ordinarias’ contraten a persoas con discapacidade, que isto sexa algo normal e habitual”.

Pola súa banda, o presidente de Cegasal, José Antonio Vázquez, empezou a súa intervención destacando que “todos os triunfos nacen cando nos atrevemos a comezalos”. Así, e facendo un pouco de historia, lembrou que  a filosofía de Cegasal, “sen ánimo de lucro”, foi un modelo moi criticado nos seus inicios, “pero o tempo deunos a razón”.

Destacou tamén como logro o feito de que a organización que preside forme parte dos órganos de Goberno das confederacións de empresarios da Coruña e Galicia, “unha participación na que tamén en Galicia somos pioneiros”.

José Antonio Vázquez asegurou que as dúas principais  fortalezas da asociación son dúas: No ámbito económico, coa xeración de riqueza en máis de 14 sectores produtivos; e no ámbito social, “porque nas empresas de Cegasal traballan hoxe ao redor dun milleiro de persoas  que non tiveron fácil atopar un traballo, con todo o que isto implica para o seu desenvolvemento persoal e social”.

visita-hornos-lamastelleTras o acto inaugural, e previamente á celebración da Asemblea, os asistentes realizaron unha visita a Fornos Lamastelle, unha empresa de Cegasal situada no Concello de Oleiros que conta con 62 traballadores e que o ano pasado facturou 2,8 millóns de euros . Entre os seus proxectos máis inmediatos destaca a internacionalización dos seus produtos (principalmente, empanadas e tortas) que xa contan con numerosos clientes  no mercado español.

Categorías

Deixa unha resposta