17 de Xuño de 2015

Cegasal reúnese co delegado da Xunta en Ourense para falar dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro

As empresas asociadas que contan con centros de traballo na provincia de Ourense son: GALEGA DE INTEGRATEX, ILUNION e AIXIÑA, onde traballan 163 persoas con discapacidade.

José Antonio Vázquez e Rogelio MartínezO presidente de Cegasal José Antonio Vázquez, reuniuse a mañá do martes 17 de xuño en Ourense co delegado da Xunta, Rogelio Martínez. Un encontro que forma parte da rolda de contactos que a asociación está a levar a cabo con institucións e outras organizacións empresariais para dar a coñecer o labor que realiza Cegasal, así como para concienciar da necesidade de facilitar a inserción laboral das persoas con discapacidade.

Neste encontro, o presidente de Cegasal explicou que a normativa actual obriga ás empresas públicas ou privadas que teñen un cadro de persoal de 50 ou máis traballadores a reservar unha cota do 2% para persoas con discapacidade. Neste sentido, Cegasal ofrécese como alternativa xa que esta reserva pódese substituír pola contratación de servizos e produtos aos centros especiais, o que permitirá xerar emprego dentro do mercado de traballo protexido. Vázquez tamén destacou que as empresas da Asociación desenvolven a súa actividade en máis de 14 sectores produtivos, de artes gráficas, alimentación, atención socio-sanitaria, restauración, consultoría, recollida de residuos, industria téxtil e automoción, entre outras.

En concreto os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro asociados que teñen centros de traballo na provincia de Ourense son tres: GALEGA DE INTEGRATEX, S.L.U.; ILUNION e AIXIÑA, nos que traballan un total de 163 persoas con discapacidade, das cales 66 son mulleres.

Outro dos aspectos comentados no encontro foi o da reserva de carga de traballo para centros especiais de emprego por parte das Administracións Públicas, pois sendo xa unha esixencia a nivel autonómico, proponse que tamén se traslade ao nivel municipal como unha ferramenta máis de política social.

Máis sobre Cegasal

A Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego Sen Ánimo de Lucro é unha organización de carácter multisectorial que se constitúe en 1997 como entidade de referencia, defensa, promoción e representación das iniciativas empresariais sen ánimo de lucro de Economía Social, como son os Centros Especiais de Emprego, cuxo obxectivo é fomentar o emprego de calidade das persoas con discapacidade e persoas en situación de risco de exclusión social e a súa inclusión na actividade económica, social e empresarial de Galicia. A entidade está integrada actualmente por 17 centros especiais de emprego sen ánimo de lucro, inscritos no Rexistro Galego de Centros Especiais de Emprego da Xunta de Galicia, no cal prestan servizos preto de 800 persoas con discapacidade, das que máis de 200 son mulleres.

 

Categorías

Deixa unha resposta