21 de Marzo de 2018

Cegasal reúnese na Coruña cos xefes territoriais de sete consellerías para tratar a reserva de emprego a traballadores con discapacidade

foto reunión delegación Coruña 1

• A reunión de traballo coincide coa entrada en vigor da nova lei de contratación pública, que marca un antes e un despois para as persoas con discapacidade en idade laboral

A Coruña, 20 de marzo de 2018. O presidente da Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego ( Cegasal), José Antonio Vázquez, reuniuse esta mañá na delegación territorial da Xunta na Coruña cos xefes territoriais das consellerías de Cultura e Educación, Infraestruturas e Vivenda, Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Economía, Emprego e Industria, Politica Social, Medio Rural e Mar para abordar os cambios que trae consigo a nova lei de contratación pública con respecto aos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro. No transcurso do encontro, o presidente de Cegasal detallou os servizos que ofrecen os 18 centros que conforman a asociación para establecer unha colaboración entre a Administración e estas empresas cuxa persoal está formada nunha porcentaxe superior ao 90% por traballadores con discapacidade.

A nova lei de contratación pública, que entrou en vigor o pasado 9 de marzo, ten como obxectivo fundamental implementar en España unha contratación pública socialmente responsable. Para iso, introduce como finalidade o cumprimento de principios de integridade e promoción de aspectos sociais como medio para lograr a transparencia, a igualdade, a concorrencia e unha mellor relación calidade prezo. A norma contempla novidades dirixidas á consecución de todos estes principios introducindo, entre outras cuestións, a prohibición de contratar co Sector Público a aquelas empresas de máis de 50 empregados que non cumpran coa cota legal do 2% de persoas con discapacidade nos seus persoais, a posibilidade de incorporar de maneira transversal e preceptiva cláusulas sociais, así como a reserva dunha porcentaxe mínima de determinadas actividades a Centros Especiais de Emprego e Empresas de Inserción.

No que respecta aos centros especiais de emprego, a nova lei mantén a reserva de contratos públicos a estes, pero diferénciase da anterior, a de 2011, en que a partir de agora esa reserva só se fará cos denominados centros de iniciativa social, que son os que en Galicia teñen a cualificación de “sen ánimo de lucro”, como é o caso de Cegasal.

  • Aínda que a comunidade galega adiantouse en 2013 a establecer a obrigatoriedade de reservar contratos a centros especiais de emprego, fixando porcentaxes que ían do 3 ao 5%, agora deberá adecuar estas cifras ás previsións da lei estatal, que establece a porcentaxe mínima de reserva no 7%, que se incrementará ata un 10% no ano 2022. Á reunión celebrada esta mañá na delegación territorial da Xunta na Coruña asistiron por parte de Cegasal o seu presidente, José Antonio Vázquez; a súa directora, Esther Branco, e a responsable comercial Raquel Alvite. A representación da Xunta estivo composta polos xefes territoriais de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ( Indalecio Cabana); Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (María Barreiro), Infraestruturas e Vivenda (José Antonio Álvarez), Economía, Emprego e Industria (Isidoro Martínez), Política Social (María Francisca Gómez), Medio Rural (Manuel Rodríguez) e Mar (Juan Carlos Barreiro)
  • Cegasal emprega a máis de 1.250 traballadores nos seus centros en Galicia
    Cegasal emprega na actualidade a máis de 1.250 traballadores con discapacidade e conta cun total de 18 centros especiais de emprego repartidos por todo o territorio galego, no seu maior parte na provincia da Coruña. O conxunto de empresas facturou en 2016 máis de 25 millóns de euros e a súa actividade abarca distintos sectores como limpeza, papelería, imprenta, xardinería, industria cárnica, alimentación, téxtil e tratamento de residuos, entre outros.

Categorías
,

Os comentarios están pechados.