09 de Xuño de 2020

Cegasal valora o compromiso da Xunta cos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro

A Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro ( Cegasal) recoñece o apoio do Executivo galego aos centros de iniciativa social e aplaude as iniciativas postas en marcha pola Consellería de Economía, Emprego e Industria neste sentido. Accións que responden a parte das demandas formuladas por Cegasal nas diferentes reunións mantidas ao longo da crise do COVID-19 co propio conselleiro Francisco Conde e coa secretaria xeral de Emprego, Covandonga Toca.
Estes programas e a posibilidade de obtención de axudas permitirán aos centros especiais de emprego manter os seus persoais, formadas en máis dun 95% por persoas con discapacidade, cuxa integración laboral é unha das prioridades da asociación que preside José Antonio Vázquez Freire.
A Xunta blinda os apoios aos centros especiais de emprego (CEE) e ás empresas de inserción laboral ( EIL), tal e como se recolle no informe da Consellería de Economía, Emprego e Industria avaliado no último Consello de la Xunta. Deste xeito, garántese que as dificultades que poidan sufrir estas entidades como consecuencia da pandemia non supoñan prexuízo algún para a súa permanencia como empresa de economía social, nin para obter as axudas autonómicas.

Así, e grazas a esta medida, o cesamento de actividade, a suspensión de contratos ou a redución de xornada derivados da pandemia -mentres estean vixentes as medidas de protección de emprego asociadas a esta- se considerarán producidos por causa de forza maior para que poidan manter a cualificación e a percepción das axudas.

En concreto, para o mantemento da cualificación, o Goberno galego non terá en conta nin o cesamento temporal de actividade, nin os períodos de suspensión de contratos ou de redución de xornada que se utilizan no cómputo das cocientes; á hora de acceder a axudas non será un impedimento que a persoa estea afectada por un expediente de regulación temporal de emprego; tamén se adaptan os criterios para considerar subvencionables os contratos; e poderase autorizar formación non presencial, entre outras cuestións.
Coa aplicación destas medidas en programas que xa se están executando -como os apoios a empresas de inserción laboral, aos centros especiais de emprego ou na formación dual para persoas con discapacidade intelectual- garantirase o mantemento do emprego a persoas con dificultades para acceder ao mercado laboral por ter discapacidade ou estar en inclusión social. Actualmente, a Comunidade conta con 110 centros especiais de emprego e 12 empresas de inserción laboral.


Cegasal, pioneira no modelo de economía social
A Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro fundouse hai 23 anos e desde entón percorreu un longo camiño ata o momento actual, de recoñecemento do traballo que realizan estas empresas de iniciativa social na incorporación ao mercado laboral das persoas con discapacidade. Un total de 32 centros son os que conforman hoxe en día a asociación que preside José Antonio Vázquez Freire e que abarcan numerosos sectores como alimentación, téxtil, xardinería, artes gráficas, xoiería, mantemento e lavandería, entre outros.

Categorías
, ,

Os comentarios están pechados.