10 de Marzo de 2020

Cegasal visibiliza aos traballadores con discapacidade cunha exposición fotográfica no Ensanche

 

• O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o presidente de  Cegasal, José Antonio Vázquez Freire, participaron na inauguración da mostra que contou tamén coa presenza do autor das fotografías, o coruñés Diego Silva.

• A exposición poderase visitar no Centro Sociocultural do Ensanche, en Santiago de Compostela, ata o sábado 14 de marzo.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2020.  Un total de 24 imaxes concibidas como reportaxe documental conforman a exposición que hoxe inauguraron no Centro Sociocultural do Ensanche o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o presidente de  Cegasal (Asociación de Centros   Especiais de  Emprego   sen Ánimo de Lucro), José Antonio Vázquez Freire. A mostra é obra do fotógrafo coruñés Diego Silva e responde ao traballou que realizou ao longo de dous anos e medio en once dos centros especiais de emprego de  Cegasal.
Tras o seu paso polo  Concello e a Deputación de Lugo, o Parlamento galego, o Círculo  de Empresarios de Galicia e o  Concello da Coruña, a mostra volve a Santiago, onde permanecerá aberta ao público ata o sábado, día 14 de marzo, grazas á colaboración do  concello compostelán.
Durante o acto inaugural, Vázquez Freire subliñou a aposta da asociación que preside polo emprego inclusivo xa que “o 95% dos persoais das empresas que forman parte de  Cegasal están compostas por traballadores con discapacidade”.  Así mesmo, insistiu na necesidade de que as administracións cumpran os parámetros que establece a nova lei de contratación pública en relación ao emprego de persoas con discapacidade e aplaudiu o traballo que está a facer neste sentido o goberno local de Santiago. 

Entre as autoridades que asistiron ao evento, ademais das anteriormente citadas, atopábanse a subdirectora  xeral de Economía Social da Xunta, Alba Paz, e Xavier Ferreiro, técnico de Emprego do concello compostelán.
A exposición ” Cegasal, unha exposición de persoas para persoas” é unha iniciativa máis dentro da filosofía de  Cegasal  de fomentar e visibilizar o  traballo de calidade para as persoas con discapacidade e/ou  en situación de risco de exclusión social. As traballadoras e traballadores que protagonizan esta mostra son un exemplo claro de que é posible promover unha cultura empresarial inclusiva, que entenda a diversidade como un activo xerador de valor social e económico.

Categorías

Os comentarios están pechados.