24 de Novembro de 2015

Francisco Conde avalía con Cegasal a necesidade de traballar unidos para mellorar o emprego das persoas con discapacidade

O presidente de Cegasal, José Antonio Vázquez Freire reuniuse o pasado xoves 19 de novembro co Conselleiro de Economía, Emprego e Industria para abordar accións que melloren o acceso de persoas con discapacidade ao mercado laboral.

No encontro mantido, José Antonio Vázquez tivo a ocasión de presentarlle oficialmente a entidade e indicarlle as necesidades do colectivo para 2016. O actual responsable de Emprego insistiu no “total” apoio da Xunta ao conxunto dos traballadores con discapacidade e comprometeuse a estudar as necesidades presentadas.

Dentro da rolda de contactos que vén mantendo Cegasal coas diferentes administracións públicas, o presidente da patronal de Economía Social, José Antonio Vázquez, reuniuse co conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde para presentarlle oficialmente a entidade e sinalarlle as necesidades deste colectivo para 2016. No devandito encontro, José Antonio Vázquez tamén trasladou ao conselleiro os acordos aos que se chegou este 2015 coa anterior responsable de Emprego, Beatriz Mato, “que sempre mostrou unha gran sensibilidade cara ao emprego social”. foto cegasal 2Neste sentido, o presidente de Cegasal lembrou que o Goberno galego acordou implementar por primeira vez a reserva con carácter obrigatorio por Lei de entre un 3 e un 5% de contratos públicos aos centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral. Esta cota de contratación estaría dirixido a aquelas obras e servizos susceptibles de ser realizables por un centro especial de emprego ou empresa de inserción laboral, tal e como o marca o artigo 26 da Lei de Racionalización do sector público autonómico.
Así, sinalou que a posta en marcha desta medida favorecerá o mantemento e mesmo a ampliación dos preto de 2.000 postos de traballo de persoas con discapacidade e de persoas que pertencen a colectivos en risco de exclusión social que traballan nos máis de 120 centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral de Galicia.

foto cegasal 3Nesta liña, José Antonio Vázquez trasladou ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria a necesidade de velar polo cumprimento desta reserva de emprego, “posto que en Galicia hai actualmente 170.000 persoas con discapacidade en idade de traballar, das que un 70% non busca emprego porque considera que non vai atopalo”. De aí, insistiu o presidente de Cegasal, “a importancia do apoio da Xunta de Galicia e a necesidade de pór en marcha todo tipo de ferramentas que nos axuden a rebaixar esa cifra”.

O conselleiro Francisco Conde comprometeuse na reunión a manter o apoio do Goberno galego a Cegasal e a estudar as necesidades deste colectivo, á vez que emprazou ao presidente da asociación a unha nova reunión, “en breve”, para seguir traballando conxuntamente.

Cegasal é a asociación empresarial galega de carácter multisectorial de iniciativa social que integra iniciativas empresariais que comparten os principios orientadores da economía social. Os centros especiais de emprego de iniciativa social apostan por facilitar a inserción laboral das persoas con discapacidade, son xeradores de oportunidades de emprego, formación e desenvolvemento de servizos para as persoas con discapacidade, cuxa taxa de actividade laboral é menor comparada co resto da sociedade. Nesta liña, cabe destacar que a porcentaxe de inactividade presente nas persoas con discapacidade en idade laboral alcanza limiares do 70%. Unha situación que Cegasal quere cambiar a través do traballo realizado en colaboración con institucións e empresas.

O sector dos centros especiais de emprego de iniciativa social representado está formado por un  total de 17 empresas do catro provincias galegas, que representan máis de 14 sectores produtivos tales como: artes gráficas, alimentación, atención socio-sanitaria, transporte, selección e recollida de residuos, restauración, artesanía, consultoría, comercialización de embalaxes e produtos para a industria, a automoción, servizos de xardinaría e limpeza viaria, así como o sector agrícola e gandeiro ou actividades téxtiles, entre outras. Máis de de 900 traballadores son representados pola asociación que dirixe José Antonio Vázquez.

Cegasal é unha asociación pioneira en España en contar cun rexistro de centros especiais de emprego sen ánimo de lucro e en estar presente nos comités executivos da confederación de empresarios. De feito, en Galicia forma parte dos órganos de Goberno da Confederación Provincial de Empresarios da Coruña e da Confederación de Empresarios de Galicia, unha mostra do apoio e respaldo do tecido empresarial galego a esta iniciativa de Economía Social.

Categorías

Deixa unha resposta