12 de Marzo de 2018

O Concello de Ferrol comprométese coa economía social a través dos centros especiais de emprego de Cegasal

• A reunión entre o presidente da patronal galega de economía social e o rexedor ferrolán tivo lugar esta mañá, coincidindo coa entrada en vigor da nova lei de contratación pública Ferrol, 9 de marzo de 2018.

O presidente da Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego ( Cegasal), José Antonio Vázquez, mantivo esta mañá unha reunión no Concello de Ferrol co alcalde, Jorge Suárez, e o primeiro tenente de alcalde, José Álvaro Montes, para abordar a entrada en vigor da nova lei de contratación pública que inclúe importantes novidades con respecto á carga de traballo para traballadores con discapacidade. Neste sentido, o rexedor ferrolán expresou o seu total compromiso cos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro e confirmou a vontade do Concello de traballar estreitamente coa patronal de economía social, reservando carga de traballo e colaborando, a través de diferentes concellerías, cos centros que forman parte de Cegasal. A nova lei, que entrou en vigor hoxe, ten como obxectivo fundamental implementar en España unha contratación pública socialmente responsable. Para iso, introduce como finalidade o cumprimento de principios de integridade e promoción de aspectos sociais como medio para lograr a transparencia, a igualdade, a concorrencia e unha mellor relación calidade prezo. A norma contempla novidades dirixidas á consecución de todos estes principios introducindo, entre outras cuestións, a prohibición de contratar co Sector Público a aquelas empresas de máis de 50 empregados que non cumpran coa cota legal do 2% de persoas con discapacidade nos seus persoais, a posibilidade de incorporar de maneira transversal e preceptiva cláusulas sociais, así como a reserva dunha porcentaxe mínima de determinadas actividades a Centros Especiais de Emprego e Empresas de Inserción. No que respecta aos centros especiais de emprego, a nova lei mantén a reserva de contratos públicos a estes, pero diferénciase da anterior, a de 2011, en que a partir de agora esa reserva só se fará cos denominados centros de iniciativa social, que son os que en Galicia teñen a cualificación de “sen ánimo de lucro”, como é o caso de Cegasal. Aínda que a comunidade galega adiantouse en 2013 a establecer a obrigatoriedade de reservar contratos a centros especiais de emprego, fixando porcentaxes que ían do 3 ao 5%, agora deberá adecuar estas cifras ás previsións da lei estatal, que establece a porcentaxe mínima de reserva no 7%, que se incrementará ata un 10% no ano 2022.
Cegasal emprega a máis de 1.250 traballadores nos seus centros en Galicia
Cegasal emprega na actualidade a máis de 1.250 traballadores con discapacidade e conta cun total de 18 centros especiais de emprego repartidos por todo o territorio galego. O conxunto de empresas facturou en 2016 máis de 25 millóns de euros e a súa actividade abarca distintos sectores como limpeza, papelería, imprenta, xardinería, industria cárnica, alimentación, téxtil e tratamento de residuos, entre outros. José Antonio Vázquez con el alcalde y teniente alcalde (003)

Categorías
,

Os comentarios están pechados.