13 de Xullo de 2017

O Concello de Santiago de Compostela incorpora cláusulas sociais nos seus contratos

Santiago de Compostela, 13/07/2017. O concello de Santiago de Compostela presentou onte unha proposta para a incorporación de cláusulas sociais en todos os seus contratos.

Coa incorporación en todos os contratos públicos do concello de Compostela dunha serie de cláusulas de carácter social, quérese obrigarse ás empresas a que incorporen melloras desde o punto de vista laboral. O obxectivo das cláusulas sociais pasa por lograr a inclusión de persoas en risco de exclusión social ou laboral, fomentar a igualdade efectiva entre mulleres e homes, a inclusión de persoas con discapacidade, a promoción da calidade e a estabilidade no emprego, a conciliación da vida familiar e laboral ou a promoción da economía social e as Pemes.

Abril como punto de partida

Xa en abril iniciouse o proceso de facer máis responsable a contratación pública “coa aprobación por parte da Xunta de Goberno de reserva de mercado a favor de entidades prestadoras de Servizos Públicos de Interese Económico Xeral, como empresas de inserción ou de economía social”.

Búscase dar un impulso á inclusión sociolaboral das persoas con discapacidade e en situación de risco de exclusión social. Pódese citar a incorporación deste tipo de cláusulas nalgúns contratos concretos, como o de Servizo de Axuda no Fogar, e a reserva de mercado nos contratos dos colectores de roupa e da cafetería da Granxa do Xesto, reservados para empresas con traballadores con discapacidade.

Catálogo de cláusulas sociais

A partir de agora, o Concello de Santiago de Compostela contará cunhas instrucións que serán remitidas a todos os departamentos do Concello para que incorporen nos seus contratos unha serie de cláusulas sociais que son transversais e que veñen recollidas na lexislación.

No catálogo de cláusulas sociais inclúense: a adopción de medidas de conciliación da vida persoal e laboral, medidas específicas en materia de igualdade, o subcontrato de – cando menos – o 15% do contrato a empresas de Servizos de Interese Económico Xeral, a contratación dun mínimo do 5% de persoas desempregadas, que o número de novos contratos indefinidos chegue ao 30% e que se incorporen melloras na formación do persoal.

A maiores, poderase valorar tamén, cunha maior puntuación no proceso de contratación, aquelas propostas que convertan empregos temporais a indefinidos ou que melloren os salarios dos traballadores.

http://santiagodecompostela.gal/hoxe/nova.php?lg=gal&id_nova=16278

La Voz de Galicia, Santiago de Compostela, 13.07.2017

Categorías

Os comentarios están pechados.