08 de Marzo de 2017

O delegado da Xunta en Lugo ofrece colaboración a Cegasal para traballar pola inserción laboral das persoas con discapacidade

 José Antonio Vázquez Freire y José Manuel Balseiro Orol

  • O presidente da patronal galega de economía social, José Antonio Vázquez Freire, mantivo un encontro co delegado da Xunta en Lugo

 

  • Cegasal integra a 17 iniciativas empresariais, dúas delas en Lugo, que dan traballo a preto de 1.250 persoas

 

Lugo, 7 de marzo de 2017. O presidente de Cegasal (Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro), José Antonio Vázquez Freire, mantivo unha reunión en Lugo co delegado territorial da Xunta nesta provincia, José Manuel Balseiro Orol. O encontro enmarcouse dentro da xira de contactos institucionais e empresariais que está a facer a asociación para dar a coñecer o seu labor, que ten como obxectivo facilitar a inserción laboral das persoas con discapacidade. Na actualidade Cegasal conta con 17 centros especiais de emprego que abarcan máis de 14 sectores produtivos como artes gráficas, alimentación, recollida de residuos, xardinería ou atención sociosanitaria, entre outros. Dous destes centros, Grafinco e Produtores de Carne de Ribeira Sacra, atópanse situados na provincia de Lugo.

O delegado territorial da Xunta en Lugo mostrou o seu respaldo ao traballo que leva a cabo a organización sen ánimo de lucro que preside Vazquez Freire e comprometeuse a colaborar para crear as condicións que faciliten o acceso ao mercado laboral das persoas con discapacidade.

Cegasal é a asociación empresarial galega de carácter multisectorial de iniciativa social que integra iniciativas empresariais que comparten os principios orientadores da economía social. A entidade integra na actualidade un total 17 iniciativas empresariais que dan traballo a máis de 1.250 traballadores, na súa maioría con algunha discapacidade.

Os centros especiais de emprego de Cegasal, que en 2015 facturaron no seu conxunto 25 millóns de euros, apostan por facilitar a inserción laboral das persoas con discapacidade. Xeradora de oportunidades de emprego, formación  e desenvolvemento de servizos para as persoas con discapacidade, cuxa taxa de actividade laboral é sensiblemente menor comparada co resto da sociedade. Nesta liña, cabe destacar que a porcentaxe de inactividade presente nas persoas con discapacidade en idade laboral alcanza limiares do 70%. Unha situación que Cegasal quere reverter coa posta en marcha deste tipo de iniciativas empresariais.

Categorías
,

Os comentarios están pechados.