09 de Maio de 2018

O Foro pola Economía Social Galega amosa un novo modelo de empresa aos estudantes de Económicas

 

  • O voceiro do Foro, Celso Gándara, puxo en valor na Facultade de Económicas e Empresariais a filosofía que emana da economía social e as cifras do conxunto de empresas que conforman a asociación: 1.916 millóns de euros de facturación en Galicia, 9.300 empregos e 371 empresas.

 

  • A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, anunciou unha nova proposta da Xunta de Galicia para o desenvolvemento da economía social de Galicia

IMG_2085 Foto acto Facultad Económicas

 

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2018. “A xornada de hoxe pódevos valer para ser emprendedores no futuro, porque as fórmulas de economía social aportarán un valor ao voso modelo de negocio, un modelo coherente coa vosa idea de entender o mundo”. Deste xeito rematou a súa intervención na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC o voceiro do Foro pola Economía Social Galega, Celso Gándara. No acto de presentación da organización diante da comunidade universitaria interviron tamén o rector da USC, Juan Viaño Rey; a secretaria xeral de Emprego da Xunta de Galicia, Covadonga Toca; a decana da Facultade de CC Económicas e Empresariais, María Emilia Vázquez, e a directora do Centro de Estudios Cooperativos (Cecoop), Maite Cancelo.

Gándara explicou aos alumnos de Económicas as diferencias entre os distintos modelos que conforman a economía social (cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e centros de inserción laboral) e salientou, entre as súas cualidades, que se trata de empresas onde as persoas están por riba doutros conceptos, e que son “máis sensibles ás cuestións de xénero, xa que presentan paridade entre o número de traballadores e traballadoras”.

Pola súa banda, Covadonga Toca anunciou que a Xunta de Galicia presentará próximamente unha nova proposta para o desenvolvemento da economía social en Galicia, “que faremos chegar en breve ao Foro a ás organizacións que o conforman”. A secretaria xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria manifestou o apoio do Executivo galego á economía social e “a cada unha das organización que forman parte do Foro, porque apoiamos todo o que ten que ver co emprendemento colectivo”.

O Foro en cifras

O Foro da Economía Social Galega, presentouse o 13 de marzo de 2018 en Santiago de Compostela. Está constituído pola Unión de Cooperativas de Galicia (EspazoCoop), a Asociación de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), a Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego (Cegasal), a Agrupación de Sociedades Laborais de Galicia (Aesgal) e a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (Aeiga). Estas entidades representan a 371 empresas, cun volume de ingresos de 1.916 millóns de euros anuais en su conxunto e 9.300 empregos directos. Dar visibilidade á economía social ante a sociedade e os principais axentes económicos, representando os seus intereses ante as diferentes institucións políticas, económicas e sociais, e xerando as condicións adecuadas para o desenvolvemento das súas entidades a través da intercooperación e o acceso aos procesos de contratación públicos, son os principais obxectivos do Foro pola Economía Social Galega.

Categorías

Los comentarios están cerrados.