04 de Xuño de 2018

O Foro pola Economía Social Galega destaca a súa contribución ó emprego rural e urbano

  • A organización celebrou un acto conxunto esta mañá en Santiago de Compostela, tralo desenvolvemento das asambleas xerais de cada unha das organizacións que o integran.
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, avanzou que a próxima semana publicaranse no Diario Oficial de Galicia as axudas do programa de laboratorios cooperativos no rural, unha medida pioneira na nosa comunidade.
  • O conxunto das 371 empresas que conforman a asociación facturaron no ano pasado 1.616,5 millóns de euros e empregan a 9.300 persoas. 

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2018. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, agradeceu esta mañán o labor que desenvolve o Foro pola Economía Social Galega para impulsar un colectivo do que, destacou, é estratéxico para Galicia xa que suma 7.000 empresas, emprega a 320.000 galegos e galegas e representa un 10% do PIB. En palabras do titular de Economía, “os emprendedores que apostan pola economía social demostran día a día que outro xeito de facer empresa é posible, lembrando que os valores que identifican a este sector son a igualdade de oportunidades e a inclusión; o compromiso social e medioambiental; a aposta polo desenvolvemento local; e as persoas como verdadeiras protagonistas”.

Francisco Conde, que participou na clausura do networking sobre comercio dixital organizado polo Foro pola Economía Social Galega, puxo en valor a economía social e os valores que promove para acadar un sistema produtivo máis solidario, máis xusto e máis sustentable.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria sinalou que, por iso, a Xunta está ao carón da economía social, salientando que o Goberno galego aumentou este ano nun 6,4% os orzamentos destinados a este ámbito, outorgando, ademais, un 35% máis de axudas ás entidades asociativas da economía social con respecto a 2017. Así mesmo, indicou que nestes momentos o orzamento destinado a este sector está practicamente activado.

Entre as medidas que se están a poñer en marcha neste eido, avanzou que a próxima semana publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG) as axudas do programa de laboratorios cooperativos no rural, unha medida pioneira en Galicia que pretende dinamizar o rural galego creando novas oportunidades e emprego para fixar poboación. Esta medida, destacou Conde, conta con 500.000 euros de orzamento para o desenvolvemento de 15 novas cooperativas ou sociedades laborais. Trátase de axudas dirixidas a concellos, mancomunidades, consorcios e entidades relacionadas coa economía social para a posta en marcha dos laboratorios cos que se identificarán novas oportunidades de negocio na zona. O reto é, explicou, crear novas cooperativas ou sociedades laborais que se constituirán no propio laboratorio.

Por último, o conselleiro afirmou que a Xunta seguirá avanzando noutras iniciativas “e unha das prioridades do Goberno galego é agora dar luz verde, co consenso do sector, á Estratexia galega da economía social coa que se pretende sumar capacidades, sustentabilidade, identidade e compromiso”.

 

Previamente, o portavoz do Foro, Célso Gándara, referíase a esta futura Estratexia coma “unha oportunidade para que os proxectos socio-empresarias das nosas empresas se consoliden”. Gándara salientou o feito de que “que as nosas empresas pertenzan o foro significa coñecernos e recoñecernos que de formas as veces distintas contribuímos a crear riqueza na Galicia rural e na Galicia urbana, que distribuímos riqueza, que cohesionamos o territorio, que apostamos pola igualdade de oportunidades de mulleres e homes, que contribuímos a xeración de emprego e de forma singular o das persoas con discapacidade e persoas en situación de exclusión”.

 

Nesto senso, recoñeceu que pertencer o foro “significa tamén ceder unha parte da nosa soberanía en beneficio dos intereses conxuntos, en definitiva en beneficio do interés xeral”.

 

Celso Gándara Foro dixo que o Foro de Economía Social terá éxito “se logramos un equilibrio no tempo entre o que damos e o que recibimos, tanto as entidades representativas como as propias empresas asociadas. Se damos xenerosidade recibiremos xeneroxidade, se damos coñecemento, recibiremos coñecemento, se damos oportunidades, recibiremos oportunidades e se damos confianza recibiremos confianza”.

Foto xornada 3

 

O evento colectivo, celebrado esta mañán en Santiago trala celebración das asambleas xerais de cada unha das organizacións, consistiu nunha xornada de traballo sobre comercialización e marketing intelixente. “Como aplicar Internet á estratexia e á internacionalización da empresa” foi o título da exposición, a cargo de Dori López Nieves, actual responsable de Desenvolvemento do Negocio en Amvos Digital e que durante anos colaborou dando clases na Escola de Organización Industrial asesorando aos empresarios no mundo do negocio online.

Posteriormente, tivo lugar un xantar e un “meeting” no que participaron os representantes de Agaca, Cegasal, EspazoCoop e Aeiga.

Foto xornada 1

O Foro en cifras

Foto xornada 2O Foro pola Economía Social Galega, presentouse o 13 de marzo de 2018 en Santiago de Compostela. Está constituído pola Unión de Cooperativas de Galicia (EspazoCoop), a Asociación de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), a Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego (Cegasal), a Agrupación de Sociedades Laborais de Galicia (Aesgal) e a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (Aeiga). Estas entidades representan a 371 empresas, cun volume de ingresos de 1.916 millóns de euros anuais en su conxunto e 9.300 empregos directos. Dar visibilidade á economía social ante a sociedade e os principais axentes económicos, representando os seus intereses ante as diferentes institucións políticas, económicas e sociais, e xerando as condicións adecuadas para o desenvolvemento das súas entidades a través da intercooperación e o acceso aos procesos de contratación públicos, son os principais obxectivos do Foro pola Economía Social Galega.

 

Categorías
,

Los comentarios están cerrados.