23 de Febreiro de 2017

O presidente de Cegasal reúnese co alcalde da Coruña para falar dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro

  • Cegasal integra a 17 iniciativas empresariais, 12 delas na provincia da Coruña, que dan traballo a preto de 1.250 persoas.

Reunión A Coruña 22.02.2017

A Coruña, 22 de febreiro de 2017. O presidente da Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego Sen Ánimo de Lucro (Cegasal), José Antonio Vázquez, mantivo esta mañá unha reunión no Concello da Coruña co alcalde Xulio Ferreiro e os concelleiros de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, e Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga.

Durante o encontro, José Antonio Vázquez referiuse ao labor realizado polos traballadores dos 17 centros especiais de emprego que forman parte de Cegasal, dos que 12 están situados na provincia da Coruña. Estes centros abarcan máis de 14 sectores produtivos, como artes gráficas, alimentación, recollida de residuos, xardinería ou atención sociosanitaria, entre outros.

A reunión co alcalde da Coruña forma parte da rolda de contactos que o presidente da patronal de economía social está a manter con institucións, organismos e empresas para sensibilizar sobre o emprego dos traballadores con discapacidade, cuxa taxa de paro elévase ao 70%.

A Asociación Empresarial sen Ánimo de Lucro

Cegasal é a asociación empresarial galega de carácter multisectorial de iniciativa social que integra iniciativas empresariais que comparten os principios orientadores da economía social. Os centros especiais de emprego de iniciativa social apostan por facilitar a inserción laboral das persoas con discapacidade. Desta forma, a asociación funciona como xeradora de oportunidades de emprego, formación e desenvolvemento de servizos para as persoas con discapacidade, cuxa taxa de actividade laboral é menor comparada co resto da sociedade. Unha situación que se quere cambiar a través do traballo realizado por Cegasal, cuxos centros especiais de emprego facturaron no seu conxunto o pasado 2015 un total de 25 millóns de euros e deron emprego a máis de 1.250 persoas.

Categorías
,

Deixa unha resposta