09 de Novembro de 2017

PUBLICADA A LEI DE CONTRATOS DO SECTOR PÚBLICO

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2017. No Boletín Oficial do Estado de hoxe, BOE Núm. 272, Xoves 9 de novembro de 2017, Sec. I. Páx. 107714, publícase a Lei 9/2017, do 8 de novembro, de Contratos do Sector Público, pola que se traspón ao ordenamento xurídico español as Directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

Esta norma, de gran interese para o noso sector, traspón as directivas europeas que establecen a reserva de contratos públicos para os centros especiais de emprego de iniciativa social.

Entre outras disposicións, modifícase a Lei de Dereitos das Persoas con Discapacidade para definir os centros especiais de emprego de iniciativa social, prohíbese a contratación pública con empresas que incumpran a cota de reserva do 2%, e amplíanse as cláusulas sociais e previsións máis favorables á accesibilidade universal.

Esíxese un acordo do Consello de Ministros / Consello de Administración Autonómica / Pleno das Entidades locais, que fixarán as porcentaxes mínimas de reserva de contratos ou lotes dos mesmos para os Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social, no marco de programas de emprego protexido. Fixaranse as condicións mínimas para garantir esta reserva.

Esíxese o establecemento deste acordo no prazo máximo dun (1) ano dende a entrada en vigor desta lei (que será aos catro (4) meses da súa publicación).

En defecto de acordo, os órganos de contratación do Sector Público Estatal deben aplicar un mínimo do 7%, que se incrementará ata o 10% aos catro (4) anos da entrada en vigor desta lei.

Cabe destacar que nestes procedementos reservados non se esixirá garantía, exceptuados os casos e motivos que consideren necesario e xustifíquese a esixencia de garantía.

Establécese a entrada en vigor da norma aos catro (4) meses da súa publicación, salvo algunhas previsións que recollen outros aspectos.

 

BOE Núm. 272, Xoves 9 de novembro de 2017, Sec. I. Páx. 107714

Categorías

Los comentarios están cerrados.