20 de Decembro de 2016

Recoñecemento de Carrefour a Hornos de Lamastelle

  • Hornos de Lamastelle recibe o Premio Especial Carrefour Pemes 2016

  • O galardón, entregado polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, recoñece o labor de integración ao mercado laboral das persoas con discapacidade.

  • Hornos de  Lamastelle, situada en Oleiros (A Coruña) conta con 80 persoas no seu cadro de persoal e elabora máis de millón e medio de quilos de masa de empanada ao ano, ademais de 3.000 Tortas de Santiago diarias.

Núñez Feijóo con el presidente de CEGASAL, José Antonio Vázquez Freire, y el de COGAMI

(Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2016)  O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, presidiu este mediodía en Santiago de Compostela a entrega dos Premios Carrefour Pemes 2016, que este ano incluíron  un galardón especial para Hornos de Lamastelle-Cegasal, polo seu labor de integración laboral das persoas con discapacidade.

Na súa intervención, o presidente de Cegasal, José Antonio Vázquez Freire, que recolleu o premio acompañado polo xerente de Hornos de Lamastelle, Manuel Santos, destacou a importancia deste tipo de premios, na medida que  “estes galardóns axudan a facer sociedade, que é o que nós pretendemos, xa que dende Cegasal traballamos para lograr un cambio social e económico no  mundo da discapacidade”.

Vázquez Freire agradeceu ao presidente da Xunta a colaboración que presta á asociación a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e tivo un recoñecemento especial para o presidente da Confederación de Empresarios da Coruña, Antonio Fontenla, “por abrirnos as portas da Confederación e, desta forma, permitirnos dar a coñecer o noso labor ao tecido empresarial de Galicia”.

O presidente de Cegasal, destacou a boa relación comercial con Carrefour, “unha empresa cuns valores importantísimos  entre os que destacan o talento, a cabeza e o corazón”, e terminou a súa intervención lembrando que en Galicia  hai actualmente 110.000 persoas con algunha discapacidade en idade laboral, “que non buscan emprego porque consideran que non o van atopar”. Ante esta situación, sinalou que “aínda queda moito traballo por facer no mundo da discapacidade e do emprego”.

Hornos de Lamastelle

hornos-fabrica-47Hornos de Lamastelle é un dos 17 centros especiais de emprego sen ánimo de lucro que conforman Cegasal. Situada en Oleiros (A Coruña),  a empresa facturou o pasado ano  2,8 millóns de euros, cifra que espera incrementar este 2016 nun  20%, tal e como vén sucedendo nos últimos anos.

Hornos de Lamastelle pertence a COGAMI , Confederación Galega de Persoas con Discapacidade e ten como actividade principal a integración de persoas con discapacidade a través da fabricación de empanadas galegas en diferentes tamaños e formatos, acompañadas pola preparación de produtos de repostería como a Torta de Santiago. Actualmente a empresa dá emprego a unhas 80 persoas das que un 95% teñen algún tipo de discapacidade.

Historicamente, Hornos de Lamastelle deuse a coñecer pola produción de empanadas artesás dirixidas, inicialmente, a comercializarse nun mercado de proximidade. O seguinte paso, coa incorporación dos túneles de conxelado e de procesos produtivos mecanizados, permitiu un salto ao mercado nacional e internacional, ofrecendo un amplo abanico de produtos que permiten dar resposta ás diferentes necesidades do mercado, como empanadas artesás e empanadas para grandes contas.

Desde Cegasal apoiamos as iniciativas que apoian e xeran emprego para persoas con discapacidade  promovidas por entidades do movemento asociativo da discapacidade.

Categorías

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará