05 de Xuño de 2015

Reunión coa delegada da Xunta en A Coruña, Belén do Campo

A delegada da Xunta na Coruña traslada a Cegasal o seu apoio ao seu labor a favor da inserción laboral das persoas con discapacidade na provincia

Belén do Campo resaltou a importancia dos 12 centros especiais de emprego sen ánimo de lucro que a entidade ten na provincia

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, ratificou o apoio do Goberno galego á Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais (Cegasal) nunha reunión co seu presidente, José Antonio Vázquez, na que resaltou a importancia dos 12 centros especiais de emprego que xestiona a entidade na provincia -dos 17 de toda Galicia- que empregan a máis de 500 persoas con discapacidade.

José Antonio Vázquez e Belén do CampoJosé Antonio Vázquez e Belén do Campo destacou que o labor que desenvolve Cegasal é esencial para o acceso ao emprego das persoas con discapacidade e o mantemento dos postos de traballo, “vías de vital importancia para a inserción social”, apuntou. A delegada sinalou, ademais, que a asociación forma parte, desde 2008, da Confederación de Empresarios de Galicia “en completa igualdade co resto de empresas”.

A representante autonómica afirmou que “o compromiso do Executivo autonómico coas persoas con discapacidade é total e absoluto”. Neste sentido, sinalou que a Consellería de Traballo e Benestar incrementou, por segundo ano consecutivo, o orzamento para a discapacidade, alcanzando os 100 millóns de euros.

No encontro, Do Campo apelou tamén á responsabilidade social das empresas no tocante a apostar pola contratación de traballadores e traballadoras con discapacidade co propósito de que se lles ofreza a posibilidade de demostrar as súas capacidades. Neste sentido, Cegasal confórmase como unha asociación multisectorial que está formada por un grupo de centros especiais de emprego sen ánimo de lucro e entidades promovidas por persoas con discapacidade, que integrados na organización, son referentes á hora da defensa, promoción e representación das entidades que proporcionan emprego protexido.

As empresas asociadas a Cegasal desenvolven a súa actividade en diversos sectores como a alimentación, a atención socio-sanitaria, o transporte ou actividades no sector agrícola ou gandeiro, entre outros.

A reunión entre a delegada e Vázquez forma parte da serie de contactos que a asociación está a levar a cabo con institucións e organizacións para dar a coñecer o labor de Cegasal, así como para concienciar da necesidade de facilitar a inserción laboral das persoas con discapacidade.

 

Categorías

Deixa unha resposta