02 de Maio de 2019

Supermercados DIA, Concello de Arzúa e Axencia de Turismo, galardoados co Premio Cegasal

 A Asociación de Centros especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro distinguiraos na súa gala anual, “pola súa aposta decidida pola economía social”.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2019. Por segundo ano consecutivo, a Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro ( Cegasal) entregará na súa gala anual os premios á empresa e organismos que destacaron nos últimos anos pola súa colaboración e apoio á economía social, a través da reserva de traballo aos centros especiais de emprego. O Concello de Arzúa, a Axencia de Turismo, dependente da Consellería de Cultura e Turismo, e Supermercados DIA son este ano os distinguidos co prezado galardón. Os premios concedidos pola asociación que preside José Antonio Vázquez Freire teñen como obxectivo recompensar e dar visibilidade á colaboración que ofrecen desde hai anos estas empresas e administracións, que apostaron de forma decidida por dar emprego e defender a integración das persoas con discapacidade que conforman os persoais dos centros especiais de emprego da asociación. No caso dos tres premiados, o seu apoio á inclusión laboral tradúcese na contratación de servizos a varias empresas de Cegasal como Coregal, Combina, Dixardín, Grafinco e Artegalia, entre outras, en base a criterios económicos e sociais. Os premios Cegasal buscan tamén poñer o foco na problemática do emprego para este sector da poboación, xa que máis dun 70% de persoas con discapacidade en idade laboral non ten traballo e nunha alta porcentaxe tampouco o busca porque considera que non o vai a poder atopar ante o reparo que xera nas empresas a súa contratación. Cegasal facilita a inserción laboral Cegasal é a asociación empresarial multisectorial galega de iniciativa social que integra na actualidade a 26 centros que se rexen polos principios orientadores da economía social e sen ánimo de lucro. Os centros especiais de emprego apostan por facilitar a inserción laboral das persoas con discapacidade e, nesta liña, Cegasal conta con preto dunha trintena repartidos por toda a xeografía galega, que abarcan diferentes sectores como téxtil, alimentación, limpeza, tratamento de residuos ou xardinería, entre outros. O obxectivo deste ano é seguir crecendo en empresas asociados, priorizando aquelas que fomenten o emprego das mulleres e en zonas do rural.

Categorías
,

Os comentarios están pechados.