CEGASAL

Somos un grupo de centros especiais de emprego que carecen de ánimo de lucro e/ou as entidades do movemento asociativo de persoas con discapacidade que os promoven, que integrados na organización empresarial somos referentes de fronte a defensa, promoción e representación das entidades de proporcionan emprego protexido.

CEGASAL é a asociación empresarial galega de carácter multisectorial que aposta por facilitar a inserción laboral de persoas con discapacidade, a través do traballo que se realiza nos centros especiais de emprego de iniciativa social (CEEIS), e coas propias persoas con discapacidade.

Creada no ano 1997 e cun crecemento responsable e sostible, compartimos as inquietudes dos asociados e as necesidades do colectivo fronte á realidade que viven, xerando no noso día a día a necesidade de actualizar a organización e as actividades e servizos prestados.

Mantemos como funcións principais da nosa razón de ser, a negociación colectiva no sector, o diálogo social, a participación institucional, a xestión económica ou a promoción empresarial. Para iso desenvolvemos entre outros proxectos, plans de formación, intervimos na resolución de conflitos, participamos en accións de colaboración e posicionamento empresarial dos intereses xerais dos centros especiais de emprego representados.

Mino Martínez Lago. Presidente de CEGASAL

Saúdo do presidente


Estimados amigos e amigas de CEGASAL,

É unha honra e un privilexio dirixirme a vós como presidente de CEGASAL, unha asociación que dende 1997 ten traballado con determinación e compromiso para impulsar a inserción laboral das persoas con discapacidade a través dos centros especiais de emprego de iniciativa social.

CEGASAL naceu cun propósito claro: ser un referente en Galicia no campo da integración laboral e social das persoas con discapacidade. A nosa visión é construír unha Galicia onde o valor das persoas prevaleza por riba de todo, e onde cada individuo, independentemente das súas capacidades, teña as mesmas oportunidades no mercado laboral. Os nosos valores - solidariedade, inclusión e compromiso social - son o faro que guía cada unha das nosas accións.

Ao longo destes anos, CEGASAL non só creceu en número, senón tamén en impacto. Grazas ao esforzo conxunto dos nosos asociados, colaboradores e equipo, hoxe somos unha voz forte e recoñecida en Galicia na defensa dos dereitos e demandas das persoas con discapacidade. Sentimos orgullo do traballo realizado e tamén a responsabilidade de seguir con atención os retos que nos quedan por diante.

Este espazo dixital representa un paso máis na nosa misión de achegarnos á sociedade, ofrecendo información, recursos e, sobre todo, un punto de encontro para todas aquelas persoas que compartides a nosa visión dunha Galicia máis inclusiva.

Invito á toda a sociedade a sumarse, a participar activamente e a traballar, man a man, por fortalecer a misión de CEGASAL, pois cremos no valor engadido da colaboración e a suma de esforzos.

Mino Martínez Lago
Presidente de CEGASAL