ÍNDICE

CÓDIGO DE CONDUCTA E BOAS PRÁCTICAS

Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar

 

 

CEGASAL (Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais sen Ánimo de Lucro) é unha organización empresarial sen ánimo de lucro de carácter multisectorial que foi constituída en 1997 e convertiuse en entidade de referencia na defensa, promoción e representación das iniciativas empresariais sen ánimo de lucro de Economía Social. Nomeadamente, os Centros Especiais de Emprego, que fomentan o emprego de calidade das persoas con discapacidade e persoas en situación de risco de exclusión social e a súa inclusión na actividade económica, social e empresarial de Galicia.

Neste documento fíxanse as normas de comportamento responsable que guían o noso traballo en CEGASAL e que presiden todos os seus procesos de decisión

1. ÁMBITO DE APLICACIÓN

Inclúe a todas os membros dos órganos de goberno e traballadores de CEGASAL (en diante, “as persoas suxeitas a este código” ou “o persoal”), así como persoas en prácticas e becarias. Con independencia do seu vencello con CEGASAL, da súa posición ou función e de onde a desevolvan, deben coñecelo, cumprilo e colaborar na súa implantación, polo que se lles fará chegar individualmente para que o lean e acepten.

Cando así se requira para asegurar o cumprimento dos seus valores e principios, e sexa posible pola natureza da relación, o contido do Código poderá facerse extensivo, en todo ou en parte, a calquera outra persona, física o jurídica, que se relacione con CEGASAL.

2. PRINCIPIOS

As nosas actividades están baseadas en:

  1. Non discriminación. Estamos en contra de calquera tipo de discriminación (por discapacidade, sexo, raza, etnia, orientación sexual, relixión, lingua, posición ideolóxica, nacionalidade…) e está prohibido terminantemente calquera comportamento que poida xerala.

  2. Transparencia. Xestionamos os nosos recursos e tomamos as nosas decisións de xeito ético, transparente e público.

  3. Accesibilidade. Perseguimos a accesibilidade universal e a supresión de barreiras que impidan o dificulten a plena participación social das persoas con discapacidade.

3. PAUTAS DE ACTUACIÓN

a. Contorna de traballo

É para nós unha obriga cumprir as disposicións legais e reglamentarias laborais e de Seguridade Social e rexeitamos calquera forma de traballo ilegal. Así mesmo, defendemos os dereitos sociais, a liberdade sindical e a negociación colectiva, promovemos a igualdade entre mulleres e homes e respectamos a libertade ideolóxica, incluído o dereito a participar en actividades políticas admitidas polas leis, sempre que non sexan obxectivamente incompatibles coas súas funcións en CEGASAL, que se desenvolvan fóra do horario laboral e das instalacións da organización e non se invoque, cando se actúe nelas, a condición de persoal de CEGASAL.

A política de contratación e promoción busca que cada posto estea ocupado por unha persoa coas habilidades e os coñecementos axeitados, daí que os procesos de selección sexan abertos e estean baseados en criterios obxectivos. O persoal é informado dos seus dereitos e obrigas, recibe un trato xusto e digno e percibe a retribución e as prestacións que lle corresponden de acordo ás leis e ós convenios de aplicación.

Quen actúe en nome de CEGASAL deberá promover e respectar os valores e principios deste código,comportándose de forma transparente e leal, rendindo conta das súas xestións e orientando a súa actividade á defensa dos intereses da organización, sen tolerar presións alleas, xerar expectativas falsas nin obter beneficios indebidos, xa sexa para si ou para outras persoas.

b. Seguridade e saúde

Cumprindo a normativa aplicable de xeito estrito, promovemos a responsabilidade en materia de prevención de riscos laborais, polo que debemos velar pola nosa propia seguridade persoal e pola das persoas coas que interactuamos, respectando as medidas de prevención establecidas. É obrigatorio empregar correctamente os medios e os equipos de protección, así como absterse de deshabilitar os dispositivos de seguridade existentes, e está prohibido consumir calquera tipo de substancia que poida afectar ao debido cumprimento das obrigas profesionais (alcol, estupefacientes…). Así mesmo, debe comunicarse de inmediato calquera insuficiencia dos plans de prevención, incumprimento do que se teña noticia e necesidade de formación se detecte.

c. Recursos

Debemos empregar os recursos laborais de forma responsable, procurando a súa conservación e o seu máximo aproveitamento; gardando, cando proceda, a súa documentación; preservándoos de usos abusivos ou inadecuados; evitando o seu roubo, extravío ou dano coas medidas necesarias; e comunicando de xeito obrigatorio  tanto estas situacións como calquera anomalía ou mal funcionamento que se detecte. A utilización, mellora, cambio ou substitución dos recursos ten que contar coa autorización correspondente.

Ademáis, deben devolverse cando así se requira pola organización, cando deixen de ser necesarios ou cando cese a relación laboral ou profesional con CEGASAL.

En concreto, os sistemas informáticos que dan soporte ás actividades de CEGASAL debemos empregalos de forma responsable, profesional e segura, seguindo estas pautas básicas:

  1. Non podemos usalos para acceder sen autorización aos sistemas informáticos alleos ou para obstaculizar ou interromper o seu funcionamiento.
  2. As claves de acceso que facilita a organización non poden ser compartidas sen autorización, nin sequera con outras persoas da organización.
  3. Para instalar calquera software ou complementos adicionais nos equipos é precisa a autorización expresa da persoa responsable, así como para cambiar a configuración do software ou o hardware.

  4. Non está permitida a eliminación, deterioro ou alteración da información (arquivos, programas...) contida nos sistemas informáticos da organización ou nos de terceiras persoas sen autorización.

  5. Os sistemas de seguridade da información que estean instalados nos equipos da organización non poderán desactivarse sen permiso.

  6. A conta de correo corporativa non deberá empregarse para enviar, de forma intencionada, correos que conteñan virus ou programas que poidan interceptar ou danar datos ou para enviar ou responder a spam.

A organización poderá someter os medios tecnolóxicos a vixilancia e control, no marco normativo do artigo 20.3 do Estatuto dos Traballadores.

d. Propiedade intelectual e industrial

Defendemos os dereitos de propiedade intelectual e industrial, polo que debemos respectar os propios da organización e non empregar ilegalmente os alleos, especialmente, software, imaxes, textos ou outras obras protexidas por dereitos de autor.

A autoría intelectual das publicacións de CEGASAL deberá estar debidamente recoñecida e o logotipo da organización non poderá ser empregado nin reproducido por ningún medio sen consentimento expreso nin para aparentar que se promove ou respaldan actividades, servizos ou produtos cando no sexa así.

e. Confidencialidade da información e protección de datos

Gardaremos estrita confidencialidade da información de carácter non público que coñezamos en e polo exercicio da nosa actividade na organización, sen poder utilizala en beneficio propio ou comunicala a terceiras persoas sen previa autorización expresa. O deber de confidencialidade exténdese fóra do horario laboral e perdurará trala ruptura de vencello con CEGASAL.

Así mesmo, non está permitido empregar información de carácter reservado ou confidencial procedente de organizacións para as que prestásemos servizos con anterioridade, agás expresa autorización escrita por parte delas.

Se temos acceso a datos de carácter persoal, respondemos da súa custodia e debemos cumprir con rigor o establecido ao respecto na lei e nas normas e procedementos internos.

f. Conflito de intereses

Existirá un conflicto de intereses cando unha persoa suxeita a este código teña unha relación ou un interese persoal (en sentido amplo: familiar, de amizade…) ou profesional con outra persoa, física ou xurídica, que poida afectar á súa imparcialidade ao ter que tomar decisións dentro de CEGASAL. Se nos atopamos nesta situación, o axeitado é informar de inmediato para que, coa confidencialidade requirida, poidan avaliarse os intereses en conflito e determinar a maneira da toma de decisións potencialmente afectadas.

g. Agasallos e invitacións

Intercambiar agasallos e invitacións constitúe práctica legítima nas relacións comerciales; con todo, pola súa contía, características, frecuencia ou outras circunstancias, pode parecer que se entregan ou reciben para obter un trato preferente ou exercer influencias inadecuadas. É por iso que, cando esteamos nesta situación, debemos xustificar a súa recepción ou entrega de xeito que quede eliminada toda dúbida.

h. Transparencia financeira

A información financeira de CEGASAL debe reflectir fielmente a realidade económica da organización e manterse de xeito ordenado e que impida a súa ocultación ou destrucción. Toda operación deberá ser autorizada e documentada. Á marxe das posibles consecuencias penais, a alteración intencionada da información documental ou os soportes informáticos constituirá unha infracción das normas internas. Só poden destruirse os documentos e os ficheiros se existe autorización expresa. Así mesmo, está prohibida toda práctica que implique a evitación ilícita do pago de impostos e temos que colaborar coa Facenda Pública e a Seguridade Social no cumprimento das obrigas, aportando toda a información que nos sexa requirida.

CEGASAL non pode ser xamais vehículo para o branqueo de capitais ou o envío de recursos ou fondos a persoas ou entidades relacionadas con actividades delituososas, polo que as persoas responsables das finanzas evitarán abrir contas anónimas e autorizar transferencias financeiras sen a debida identificación da persoa que as realice ou da súa representante e deben procurar obter información contrastada sobre a orixe dos fondos.

4. A CONTORNA DE CEGASAL

a. A nosa reputación

Afecta á confianza da sociedade e do sector no que nos movemos, polo que temos que coidar que decimos e facemos nas nosas intervencións públicas, sexa ante os medios de comunicación, sexa en calquera evento de amplia difusión. Non debemos, tampouco, actuar representando a CEGASAL en redes sociais se non temos encargada explícitamente tal actuación.

Cando realicemos actividades persoais fóra da nosa relación con CEGASAL, non debemos empregar a asociación ou o seu nome para intentar acadar beneficios persoais ou favorecer a outras persoas.

Se estamos sendo obxecto de investigación nun proceso penal ou nun expediente administrativo sancionador que poida afectar dalgún xeito a CEGASAL, o ideal é comunicalo para poder valorar as posibles repercusións.

b. Relación coas organizacións socias

Traballarase de xeito transparente e coordinado coas organizacións socias, fomentando a súa implicación.

c. Relación coas persoas provedoras e colaboradoras

Agás en casos excepcionais, todas estas relacións deberán figurar por escrito no documento xurídico correspondente. A organización poderá tomar medidas de dilixencia debida antes do establecemento de calquera relación e esixir a esas persoas que operen en cumprimento da legalidade vixente e de todo o que deste código lles sexa aplicable.

En CEGASAL non queremos relación con quen amparen ou consentan calquera forma de explotación laboral, en especial, traballos forzados ou explotación infantil, ou actúen en contra dos principios e os valores deste código.

d. Relación co sector privado en xeral

Non podemos, directamente ou mediante persoa interposta:

  • Prometer, ofrecer ou conceder a persoas doutras organizacións (calquera que sexa o seu cargo), para nós ou para outras persoas, beneficios ou vantaxes non xustificados de calquera natureza coa intención de que actúen ou deixen de actuar para favorecernos nunha operación de compra ou venda de mercadorías, na contratación de servizos ou nas relacións comerciais. Debemos rexeitar e comunicar de inmediato calquera solicitude de incentivos, comisións, etc. que nos ofrezan.
  • Recibir, solicitar ou aceptar vantaxes ou beneficios inxustificados doutras organizacións, para nós ou para outras persoas, polos mesmos medios arriba expostos e con idéntica intención.

e. Relación co sector público, gobernos, autoridades e partidos políticos

Toda relación de CEGASAL con persoas ao servizo do sector público (incluídos altos cargos e persoal eventual ou de confianza), gobernos, autoridades e partidos políticos ou candidaturas electorais ha de basearse na legalidade, a neutralidade e a transparencia. Debemos rexistrar nas axendas os contactos que manteñamos con calquera delas.

Nas nosas relacións co sector público, non podemos:

  • Ofrecer ou entregar calquera clase de agasallo ou retribución a ou dunha autoridade, integrante do funcionariado ou persoa que participe no exercicio da función pública con la intención de que (i) realice un acto, propio do seu cargo ou contrario aos deberes inherentes a el, (ii) non o realice ou (iii) retrase o que deba realizar, incluidos os chamados pagos de facilitación para axilizar ou asegurar trámites aos que se ten dereito.
  • Influír nunha autoridade ou integrante do funcionariado autoridade coa intención de acadar unha resolución favorable a través da nosa relación persoal con ela ou con outra persoa do funcionariado.

  • Corromper ou intentar corromper a unha persoa integrante do funcionariado público estranxeiro ou atender ás súas solicitudes para que actúe ou deixe de actuar coa finalidade de acadar ou conservar un contrato, un negocio ou calquera vantaxe competitiva na realización de actividades económicas internacionais.

    En ningún caso poderase autorizar a eliminación de documentos, arquivos ou ficheiros relacionados con expedientes administrativos en trámite ou con procesos xudiciais abertos.

    5. CANLE INTERNA DE COMUNICACIÓN

CEGASAL conta cunha canle na ferramenta Canal Responsable, pertencente a unha empresa independente. Pódese empregar para comunicar calquer incumprimento da lei ou da normativa interna da organización da que teñamos coñecemento pola nosa relación con CEGASAL e, tamén, para plantexar calquera dúbida sobre este código. Poderán achegar incumprimentos ou dúbidas, tamén, os grupos de interese cos que a organización ten relación.

6. ENTRADA EN VIGOR, REVISIÓN E DIFUSIÓN

Este código entra en vigor  tras a súa aprobación pola Xunta Directiva e debe ser revisado e actualizado sempre que se poñan de manifesto infraccións relevantes das súas disposicións ou cando se produzan cambios na organización, na súa estructura de control ou nas actividades que realiza. Publicarase na web corporativa e temos que aceptalo expresamente todas as persoas que formamos parte da organización.

7. RÉXIME SANCIONADOR

O incumprimento dos mandatos deste código pode supor a aplicación, axeitada e proporcionada, do réxime sancionador establecido na normativa laboral vixente ou no convenio colectivo correspondente, sempre sen prexuízo de que poidan comunicarse inmediatamente os feitos ás autoridades competentes cando así proceda por se puidesen ser de aplicación sanciones penais ou administrativas.

 

Xaneiro 2024

  

ORGANIGRAMA

Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar

POLÍTICA DE PERSOAS

Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar

 

Prevención de riscos laborais

CEGASAL vela pola seguridade e a saúde de todas as persoas que forman parte do seu cadro de persoal. Con ese fin, ten contratada a actividade preventiva nas disciplinas de Seguridade no traballo, Hixiene Industrial, Ergonomía, Psicosocioloxía e Vixilancia da Saúde cun servizo de prevención externo e dispón tanto dunha política como dun plan de prevención.

  1. POLÍTICA DE PREVENCIÓN
  2. CERTIFICADO IBERSYS

IDENTIDADE VISUAL

Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar

 

O logotipo de CEGASAL foi creado por TREBORE no 2022, CEE asociado a CEGASAL.

 

Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar