As persoas con discapacidade constitúen un sector de poboación heteroxéneo, pero todas teñen en común que, en maior ou menor medida, precisan dunha protección ou apoios no exercicio dos dereitos humanos e liberdades básicas.
A discapacidade defínese como a situación que resulta da interacción entre as persoas con deficiencias físicas, mentais, intelectuais ou sensoriais previsiblemente permanentes e calquera tipo de barreiras que limiten ou impidan a súa participación plena e activa na sociedade, en igualdade de condicións coas demais.
Existe un procedemento administrativo que recolle os criterios técnicos unificados que permiten valorar as limitacións na actividade e participación, e o alcance da situación de discapacidade nunha persoa. Legalmente considerarase que unha persoa ten discapacidade cando alcanza na devandita valoración un grao igual ou superior ao 33%. Considerarase que presenta unha discapacidade ás persoas pensionistas que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou gran invalidez ou pensionistas de clases pasivas por xubilación,ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade. Lei 3/2023, de 28 de febreiro, de Emprego.
Considéranse persoas con especiais dificultades para a súa inserción laboral, ou persoas con discapacidade severa as seguintes:
a) As persoas con parálise cerebral, as persoas con enfermidade mental ou as persoas con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 por cen.
b) As persoas con discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 por cen.