UNIDAD DE MULLER E DISCAPACIDADE

Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar

 

Cegasal, no seu ánimo de contribuír a crear unha sociedade máis xusta, equitativa e igualitaria, así como de dar servizo ás súas entidades asociadas, considerou apropiado crear unha Unidade de Muller e Discapacidade.


Para poñela en marcha, contou coa colaboración da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

 

Os obxectivos desta unidade son:

  • Contribuír a integración efectiva da igualdade laboral nos centros especiais de emprego de iniciativa social (CEEIS).
  • Chamar a atención sobre o número de mulleres contratadas nos CEEIS.
  • Pór a disposición dos CEEIS ferramentas para que nas organizacións se traballen diferentes temas vinculados á igualdade nas empresas.
  • Debater cun grupo de persoas asociadas a Cegasal sobre o estado actual da igualdade nos CEEIS.
  • Traballar colaborativamente na identificación dos retos que en materia de igualdade teñen os CEEIS.
  • Elaborar campañas de sensibilización innovadoras sobre emprego, muller e discapacidade, tanto en contidos como en formatos, incluíndo as novas tecnoloxías para amplificar os resultados de impacto positivo.
  • Analizar o estado actual da igualdade nos CEEIS de Galicia, a través de investigación cuantitativas e cualitativas que poñan sobre a mesa a realidade para a futura toma de decisións.
  • Mostrar publicamente o compromiso de Cegasal e da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Relacións Laborais, co emprego de mulleres con discapacidade.

Formación

Dentro das accións da Unidade, poñemos en marcha a Aula de igualdade, un espazo formativo dirixido aos centros especiais de emprego de iniciativa social e ás súas persoas traballadoras onde poder adquirir coñecementos sobre igualdade efectiva entre homes e mulleres en todos os ámbitos pero con especial interese no laboral.

As principais actividades da Unidade son a formación e o asesoramento.

A primeira actividade formativa coorganizada pola Unidade de Muller e Discapacidade de CEGASAL e a Dirección Xeral de Relacións Laborais: Curso de elaboración de plans de igualdade en centros especiais de emprego de iniciativa social.

Curso 1. Elaboración de plans de igualdade nos CEEIS

O Real Decreto-Lei 6/2019, do 1 de marzo, modifica o apartado 2 do artigo 45 da Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, no caso das empresas de cincuenta o máis persoas traballadoras deberán elaborar e aplicar un plan de igualdade, co alcance e contido establecidos na lei e que deberá, así mesmo, ser comunicado e negociado coa representación legal das persoas traballadoras na forma que determina a lexislación laboral.

Este cambio lexislativo afecta, tamén, aos centros especiais de emprego de iniciativa social. Por iso, no marco das actuacións da Unidade promóvese a realización dunha formación teórico-práctica, de 12 horas de duración, en materia de elaboración de plans de igualdade cos obxectivos de:

1. Dotar de coñecementos e habilidades técnicas ás persoas traballadoras dos centros especiais de emprego de iniciativa social de Cegasal para emprender o labor de elaboración dos seus plans de igualdade.

2. Coñecer medidas vinculadas aos diferentes aspectos de igualdade laboral na empresa, para poder aplicalas ás súas entidades.

3. Iniciar o proceso de elaboración do plan de igualdade nas súas organizacións.

Curso 2. Acoso sexual e por razón de sexo e violencia contra as mulleres con discapacidade no eido laboral

A Macroenquisa de Violencia contra a Muller 2019 estuda como os distintos tipos de violencia afectan as mulleres cunha discapacidade superior ao 33%. A prevalencia é maior neste colectivo que entre as mulleres sen discapacidade para todos os tipos de violencia analizados. En concreto, fóra do ámbito da parella, o 17,2 % das mulleres deste colectivo sufriu violencia física e o 10,3 %, violencia sexual. As cifras para o grupo de mulleres sen discapacidade son do 13,2 % e do 6,2 %, respectivamente.

Curso 3. Avaliación de impacto de xénero de proxectos

É ben certo que dende a entrada en vigor da Lei 3/2007 as administracións públicas esforzáronse en integrar a perspectiva de xénero nas políticas e programas de acción, cómpre que esta avaliación sexa compartida tamén por as empresas e realizada no marco da formulación e seguimento de proxectos.

A avaliación é necesaria en todo proxecto emprendido, no sector público ou privado, para coñecer se os obxectivos planeados foron cubertos. No curso de Avaliación de impacto de xénero de proxectos abordaremos a forma de deseñar e avaliar proxectos que teñan intervencións positivas.

Titorías de igualdade

Somos conscientes de que a xestión dos centros especiais de emprego de iniciativa social consome moito tempo ás persoas responsables e que non sempre están dispoñibles para a asistencia a cursos formativos. Por iso, contemplamos a creación dun servizo de acompañamento en materia de igualdade laboral. Ademais da formación, tiveron lugar diferentes reunións con persoas das xerencias dos centros especiais de emprego para solventar todas as dúbidas que teñan en todos os temas relacionados coa igualdade laboral.


A Unidade da Muller ten unha bolsa de horas que se reparten entre os diferentes centros pertencentes a Cegasal. O obxectivo das titorías é axudar ás entidades con calquera dúbida técnica, xurídica ou doutra natureza, relacionada coa igualdade laboral.

Así, por exemplo, constitúen actividades asociadas a titorización, entre outras moitas, asesoramento ás Comisións Negociadoras de Igualdade, revisión de documentación técnica, apoio na redacción de actas e regulamentos, consultas técnicas asociadas ao diagnóstico, a adopción de medidas dos plans de igualdade, asesoramento en relación a procedementos vinculados a acoso sexual e por razón de sexo, eliminación de discriminacións… etc.

 

Muller e discapacidade

Segundo os datos máis actuais do Instituto Nacional de Estatística, da enquisa de discapacidade, autonomía persoal e situacións de dependencia 2008, en España hai 3.847.900 persoas con discapacidade, das cales un 59,7% son mulleres. A pesar de ser unha minoría considerable (2.304.200), as mulleres con
discapacidade son socialmente invisibles e esta invisibilidade dá lugar a que “a sociedade non atenda adecuadamente os seus requirimentos e necesidades, basicamente porque as descoñece” (Shum, Conde Rodríguez, & Portillo Mayorga, dic 2003).

Ninguén dubida da importancia do emprego como elemento estruturante da sociedade e facilitador para o cumprimento de moitos dereitos sociais básicos.

A taxa de paro de mulleres con discapacidade é case 8 puntos superior a de mulleres sen discapacidade. Estes datos son máis preocupantes se se consideran as taxas de emprego, que se duplican as diferenzas.

Por outra banda, na comparecencia da Valedora do Pobo ante a Comisión Permanente do Parlamento de Galicia para o seguimento das políticas relativas a discapacidade e elaboración de novas propostas a prol da integración das persoas con discapacidade, do 22 de xaneiro de 2020, esta salienta que “é necesario actuar tanto na mellora das normas como na vixilancia da súa aplicación efectiva” Isto no ámbito da igualdade laboral pero tamén en canto á violencia de xénero, saúde, a vixilancia da aplicación efectiva das normas para que as mulleres con discapacidade podan facer valer os seus dereitos...


Por todo iso, desde Cegasal consideramos de gran importancia contribuír a que as mulleres con discapacidade logren a autonomía propia e o dereito a unha vida independente e, sobre todo, pola reivindicación do emprego e da igualdade de oportunidades.

Galicia é unha das comunidades autónomas españolas máis comprometidas coa igualdade entre mulleres e homes. Así conta con lexislación específica en materia de igualdade de oportunidades (Lei 2/2004, de 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes) e de igualdade de oportunidades na empresa:

  • Lei 2/2007, de 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.
  • Decreto 181/2008, do 24 de xullo, polo que se regula o Consello Galego de Participación das Mulleres no Emprego e as Relacións Laborais, e a integración da igualdade nas políticas de prevención de riscos laborais.
  • Decreto 182/2008 do 31 de xullo polo que se establece a promoción autonómica das medidas municipais de conciliación e se determinan os requisitos para a súa validación e funcionamento, nos termos establecidos na Lei 2/2007, do 28 de marzo.
  • Decreto 33/2009, do 21 de xaneiro, polo que se regula a promoción da igualdade nas empresas e a integración do principio de igualdade nas políticas de emprego.

Esta compromiso recollido nas leis vese reflectido na elaboración dunha serie de documentación estratéxica dirixida a dar cumprimento a estes requirimentos. Así, por unha banda, a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia no seu VI Plan Galego para a igualdade entre mulleres e homes (2013-2015), pretende abordar todas as esferas da vida que se ven afectadas pola igualdade, afondando tamén na parte de talento feminino e as melloras necesarias no campo laboral e a conciliación e corresponsabilidade.

De igual xeito, a Xunta de Galicia elaborou un Plan de Fomento da Corresponsabilidade (2007), que se materializou en accións coma a convocatoria de axudas a entidades locais para o fomento da igualdade, a elaboración dunha Guía de boas prácticas en materia de corresponsabilidade (2009), o deseño de accións de coeducación e educación para a igualdade...etc.

Adicionalmente, a Secretaría Xeral de Emprego elaborou unha Guía para a elaboración de plans de igualdade nas empresas e complementa o impulso de medidas de igualdade efectiva coa convocatoria de axudas para o deseño e implantación de plans de igualdade en pemes, para a conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para os traballadores que se acollan á redución da súa xornada de traballo...

Todas estas actuacións teñen acadado un impacto que non podemos desdeñar, aínda así, cómpre que o tecido laboral se impregne desta realidade e comprométase a mudala. Tanto dende a perspectiva de xénero como dende a perspectiva da discapacidade.

 

Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar