Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2025.
- Cales cre que son hoxe os principais retos da negociación colectiva nos Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social?
O convenio colectivo dos Centros Especiais de Emprego de Galicia é un pouco particular porque na súa orixe, e no seu obxectivo final, é que todos os centros acaben aplicando os convenios sectoriais de actividade. Isto, de momento, non é posible para todos os Centros Especiais de Emprego porque se se aplicasen os convenios de sector moitos deles terían graves dificultades para ser viables.
O reto na negociación é aplicar, na medida do posible, todas aquelas melloras que nós desexariamos, facéndoas compatibles coa sostibilidade dos centros.
Dicir nesta entrevista que puntos son máis cruciais ou máis difíciles na negociación sería un pouco arriscado, xa que estamos a piques de empezar a negociación do seguinte convenio colectivo.
- O Salario Mínimo Interprofesional é un tema recorrente no sector. Que impacto real está a ter a súa evolución nas condicións laborais das persoas con discapacidade e na viabilidade dos CEEIS?
A subida do Salario Mínimo Interprofesional era necesaria, é evidente que coas contías anteriores hoxe en día sería moi difícil que un traballador puidese ter un salario digno, por esta razón sempre estaremos de acordo coa subida do mesmo.
Outra cousa é que siga subindo nesta proporción, xa que nos causa uns graves desaxustes entre os distintos grupos do convenio ao non poder aplicar unha subida lineal a todos. Así mesmo, estas subidas temos que repercutilas nos nosos clientes que, en moitos casos, son Administracións Públicas que non sempre están dispostas asumir unha subida proporcional ao incremento dos custos, o mesmo que podemos dicir do conxunto de clientes cos que traballamos.
- Dende a súa experiencia, cre que se está a cumprir de maneira efectiva a obriga legal do 2% de contratación de persoas con discapacidade en empresas de máis de 50 traballadores/as? Que medidas serían necesarias para garantilo?
É sabido que a cota de reserva non se cumpre con carácter xeral. O conxunto de medidas que se deberían de tomar é que realmente houbese un interese por parte, por exemplo, da Inspección de Traballo para investigar se as empresas están a cumprir ou non e desta maneira ter datos obxectivos sobre o cumprimento.
Pero á marxe da investigación sobre o cumprimento da cota, tamén é moi importante modificar a normativa das medidas alternativas á cota do 2%. As medidas alternativas teñen que significar a creación ou mantemento de emprego real, non unha simple transacción entre unha persoa ordinaria e un Centro Especial de Emprego cunha comisión normalmente moi pequena. Outra medida sería que as medidas alternativas só puideran realizarse a través de Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social. Que os Centros Especiais de Emprego mercantís non puidesen optar ás medidas alternativas sería unha maneira de non incentivar a creación de máis Centros Especiais de Emprego de iniciativa mercantil e, ademais, a diminución dos actuais.
- Que papel deberían xogar as Administracións Públicas na consolidación do emprego inclusivo? É suficiente o actual sistema de incentivos e contratos reservados?
Os incentivos actuais son suficientes, ir máis alá do 50% do Salario Mínimo Interprofesional e da bonificación do 100% da cota da Seguridade Social sería quitarlle valor ao emprego das persoas que traballan nos Centros Especiais de Emprego.
Os contratos reservados son unha axuda para a viabilidade dos Centros Especiais de Emprego, pero en ningún caso son o elemento principal para a sostibilidade dos mesmos. As Administracións Públicas teñen que tomar medidas para que os Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social non compitan en desigualdade cos Centros Especiais de Emprego mercantís. Tense que lexislar para que non se poidan cualificar máis Centros Especiais de Emprego de carácter mercantil e, en pararelo, os actuais centros vaian desaparecendo nun período de tempo razoable.
- Mirando ao futuro, como imaxina a evolución do modelo de emprego para as persoas con discapacidade en Galicia?
Os Centros Especiais de Emprego do futuro terán que ser empresas sociais froito do emprendemento colectivo das persoas con discapacidade e das súas entidades representativas. Con principios moi sólidos de bo goberno e participación dos traballadores/as dos centros na xestión dos mesmos.