Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2024. A Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego (Cegasal) e a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (Aeiga) organizan o vindeiro venres 18 de outubro, de 9:30 a 13:30 horas, a xornada formativa ‘Fomento da contratación reservada na Xunta de Galicia en sectores específicos’. O Edificio San Caetano (Sala B) acollerá este encontro, que supón a continuación da anterior sesión centrada na contratación reservada e compra responsable en sectores específicos da economía social en entidades locais e celebrada o pasado mes de marzo.
Obxectivo
A xornada busca potenciar a inclusión, a igualdade de oportunidades e o desenvolvemento sostible mediante a implementación de contratos reservados na administración autonómica que impulsen o emprego entre as persoas con discapacidade e aquelas en risco de exclusión.
Ao longo da mañá explicaranse os fundamentos e beneficios da contratación reservada no marco da Xunta de Galicia, abordarase o impacto da contratación pública reservada desde a perspectiva das diferentes consellerías, poñeranse enriba da mesa os retos aos que nos enfrontamos e compartiranse experiencias de éxito na implementación de contratos reservados.
Programa
A xornada incluirá presentacións de expertos, mesas redondas e boas prácticas.
Participantes
A xornada está dirixida ao persoal técnico de contratación e representantes políticos da administración autonómica, representantes de empresas e entidades de economía social, medios de comunicación e ao público en xeral.
Para poder asistir, deben cubrir o seguinte formulario.
Organización
Este evento forma parte do programa de actuación 2023-2024 da Rede Eusumo, unha iniciativa da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade, financiada polo Ministerio de Traballo e Economía Social.
Para máis información, poden contactar con Cegasal a través do correo electrónico info@cegasal.com ou nos teléfonos 673 042 029 / 647 861 119.