Mino Martínez

Cegasal celebra a aprobación da Lei de Economía Social, “que por fin distingue aos centros sen ánimo de lucro de quenes fan negocio coa discapacidade”

  • Centros creados por empresas con ánimo de lucro que non revertían os seus beneficios en mellorar as condicións laborais e sociais das persoas con discapacidade considerábanse tamén economía social. A nova norma aprobada onte no Congreso corrixe esa situación

Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar

 

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2026. A Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego Sen Ánimo de Lucro (Cegasal) recibiu con satisfacción a aprobación definitiva no Congreso da Lei Integral de Impulso á Economía Social. A norma recolle unha reivindicación histórica da asociación: que só os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro sexan recoñecidos como parte do sector da economía social.

Ata agora, o marco normativo non establecía esa diferenciación. Centros creados por empresas con ánimo de lucro tiñan o mesmo tratamento que aqueles que reinvesten todos os seus beneficios en mellorar as condicións laborais e sociais das persoas con discapacidade. A nova lei corrixe esa situación.

"Esta lei pon as cousas no seu sitio", sinalou o presidente de Cegasal, Mino Martínez. "A economía social non pode servir de escaparate para quen busca beneficio privado con cartos destinados á inclusión. É un momento importante para as máis de 2.500 persoas que traballan cada día nos nosos 32 centros asociados e para todas as familias que confiaron neste modelo".

Martínez lembrou que Galicia foi pioneira neste ámbito. En 2003, Cegasal asinou o primeiro convenio colectivo galego de centros especiais de emprego. En 2005, un centro galego converteuse no primeiro de España rexistrado co epígrafe “sen ánimo de lucro”.

Ademais do recoñecemento exclusivo dos centros sen ánimo de lucro, a lei reforza a contratación pública reservada para empresas de inserción e centros de iniciativa social, e establece mecanismos para combater o intrusismo nas cooperativas.

Martínez tamén quixo poñer o foco nos retos pendentes. "Seguimos con taxas de emprego moi baixas entre as persoas con discapacidade, especialmente entre as mulleres. As leis son imprescindibles, pero o cambio real pasa porque empresas e administracións se comprometan no día a día, non só nos papeis".

Cegasal representa a 32 centros especiais de emprego sen ánimo de lucro que dan traballo a máis de 2.500 persoas en Galicia, máis do 96% con discapacidade. A asociación, con 30 anos de traxectoria, foi unha das impulsoras do Foro pola Economía Social Galega e consolidouse como unha entidade de referencia na defensa do emprego inclusivo na comunidade.

Contidos relacionados
Por algún motivo no se a completado la carga del carrusel, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar