Capacitadamente

Cegasal pide máis apoio institucional para derrubar o estigma que aínda exclúe do emprego ás persoas con trastorno mental

  • Hoxe rematou a segunda edición de Capacitadamente, un proxecto pioneiro que ofrece formación, acompañamento e oportunidades reais a persoas con problemas de saúde mental
  • A colaboración de Johnson & Johnson foi clave para facer posible esta segunda edición, que xa abriu portas ao emprego para parte do alumnado
  • María Rozas e Almudena Díaz asistiron á entrega de diplomas e destacaron o valor social e transformador do proxecto
Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar

 

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2025. A antiga escola rural de Figueiras acolleu hoxe o acto de clausura da segunda edición de Capacitadamente, un proxecto pioneiro impulsado por Cegasal que busca derrubar o dobre estigma que sofren as persoas con trastorno de saúde mental: o da discapacidade e o do prexuízo social. Nesta edición, unha vintena de participantes recibiron o seu diploma, e varios deles xa teñen contratos asinados ou prácticas en marcha.

O presidente de Cegasal, Mino Martínez, subliñou que “non estamos aquí só para pechar un programa, senón para celebrar un paso máis cara a unha sociedade máis xusta, máis igualitaria e máis consciente de que ninguén pode quedar atrás”. Martínez agradeceu o compromiso das empresas colaboradoras, como Johnson & Johnson, e lembrou que a continuidade do proxecto precisa “apoio decidido e estable das administracións públicas, porque cada persoa que queda fóra do mercado laboral é unha oportunidade perdida para ela e para o conxunto da sociedade”.

O xerente rexional de Acceso ao Mercado de Johnson & Johnson, Antolín Castedo, destacou que para a compañía “a responsabilidade social corporativa non é unha iniciativa illada, é o alicerce da nosa identidade. Forma parte de cada decisión e de cada produto, e por iso apoiamos proxectos como Capacitadamente, que facilitan a inclusión real de persoas con discapacidade no tecido económico e social de Galicia”.

Tamén interveu Carlos Martínez, xerente do Centro Especial de Emprego ERIT Itínera, que acolleu parte da formación. Cun ton próximo e cheo de humor, relatou a historia do centro e recoñeceu que “a confianza de Cegasal e o éxito de iniciativas como esta foron claves para darlle ao proxecto estabilidade e futuro”.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude do Concello de Santiago, María Rozas, e a subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental da Xunta de Galicia, Almudena Díaz, asistiron á entrega de diplomas aos participantes, poñendo en valor o impacto social e transformador dun proxecto que “dálle unha lección á sociedade e ás institucións sobre o que significa apostar pola inclusión real”.

Rozas foi especialmente clara ao recoñecer a falta de implicación das administracións públicas neste tipo de iniciativas e apelou a un maior compromiso institucional para impulsar proxectos que, como Capacitadamente, “marcan a diferenza real na vida das persoas”: “Non estivemos á altura”, afirmou, “e iso ten que cambiar", dixo.

Un proxecto que transforma vidas

Durante meses, Capacitadamente ofreceu formación práctica en ámbitos como hostalaría, xardinaría ou habilidades prelaborais, ademais de acompañamento emocional e apoio persoal. O resultado: persoas que levaban anos afastadas do mercado laboral deron un paso firme cara a súa inclusión, recuperando confianza e expectativas.

Unha das conclusións que deixou o acto é clara: cando se lles abre unha porta, as persoas con problemas de saúde mental responden con talento, compromiso e ilusión.

Na seguinte ligazón podes descargar a memoria da segunda edición do programa. 

Contidos relacionados
Por algún motivo no se a completado la carga del carrusel, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar